A campá máis antiga de Muros

Santuario da Virxe do Camiño, Muros. Alí consérvase a campá máis antiga do concello. Un santuario este, de construción gótico mariñeiro dos séculos XIV-XV. Unha igrexa fermosa que presenta unha nave central rectangular dividido en catro tramos e por tres arcos apuntados que arrancan sobre semi-columnas que soportan unha cuberta de madeira, ábsida e sancristía de crucería e tellado a dúas augas con cuberta de tella. Na fachada presenta unha porta con arquivoltas de medio punto sobre columnas con xambas. Ten dous rosetóns oxivais, un cego na fachada e outro no testeiro. Adousadas ó muro meridional destacan os típicos canzorriños románicos. No penal norte atópase a espadana coa campá antes mencionada, a máis antiga pero que non é a primeira deste templo.

Poderíase dicir que esta fermosa campá é gótica ó igual co seu templo, mais non o é. Digamos que é unha campá de transición, do gótico ó renacentismo. E por que de transición?
Para empezar, unha campá gótica é aquela cunhas inscricións redactada con letras góticas; tanto en maiúscula como minúscula, e que a lingua utilizada sexa unha lingua latina; na maioría dos casos emprégase o latín aínda que hai casos, segundo o antropólogo e campaneiro valenciano Dr. Francesc Llop i Bayo, na súa terra hainas en catalán xunto co latín ou en Castela o uso do castelán. Todo esto como expresión cultural e reflexo dunha época que cronoloxicamente falando comprendería os séculos XIV-XV e algunhas campás que non superen o século XVI, como é o caso. Esta en concreto é do ano 1578.
Na maioría dos casos, as campás góticas non están datadas, polo que se soe usar unha datación por estimación ou aproximación. Ademais, nun alto porcentaxe, descoñecemos o autor da fundición. Así pois, serían catro características básicas para denominalas góticas: Letra gótica, lingua latina, falla de datación e fundidor anónimo.
A campá muradá conta con dous destes catro parámetros, fundidor anónimo e o uso da lingua en latín. En canto ó uso da súas inscricións, ten invocacións relixiosas propias dos séculos medievais e que presenta no seu terzo a seguinte inscrición: “IHS VOX MEA CVMTORVM SIT TEROR DEMONIOR·VM”, (Sexa a miña voz co seu estrondo o terror dos demos). Esta inscrición ten moito de sortilexio e de exorcismo, un texto clásico da época que formaría parte das campás góticas e que serían para afastar o mal.
No medio-pé da campá ollamos outro texto medieval que corresponde co texto da tumba de Santa Águeda en Catania (Sicilia), e que é, nos primeiros séculos medievais, un texto de protección. “MENTEN SANTAN ESPONTAEAN ONOREN DEI PATRI ET LIBERACINOEM”. (Cunha mente piadosa e espontánea, honra a Deus e liberación á patria). Como se pode observar, os dous textos están escritos en latín e cuns cantos errores.
Ata o século XVI, Santa Águeda é considerada a defensora contra os incendios, os raios, volcáns e as pestes. Logo sería San Miguel o protector durante un par de séculos e sobre todo, a partir do século XVIII, Santa Bárbara.
Polo tanto, nun primeiro momento diríamos que a campá do Santuario da Virxe do Camiño de Muros é gótica pero... non. E por que non? Pois pola súa escritura, unha inscrición renacentista, nada que ver co gótico, senón humanista. A letra é totalmente moderna no seu momento, sendo a última novidade en escritura.
Trátase logo dunha campá de gran calidade en canto a súa forma das letras. Unhas fermosas letras maiúsculas humanísticas, ou sexa renacentistas. En conclusión, podemos dicir que esta campá está na transición do gótico ao renacentista. Renacentista polo escritura e medieval polos textos.
Pasamos a describila campá que conta cunhas medidas estimadas de pouco máis de 50 cm de diámetro e uns 75 kg de peso. Ten un xugo de madeira en moi malas condicións e tócase a man mediante unha corda. No “Terzo” (T) ten dous cordóns, continuando coa inscrición: “ᵼ IHS VOX MEA CVMTORVM SIT TEROR DEMONIOR·VM” e pechando esta inscrición con dous cordóns máis. No “Medio” sitúase unha cruz con pedestal de cinco chanzos feita a base de selos decorada cunha estrela no interior de cada selo. Os brazos teñen remate de forma trebolada ou recrucetada e ademais, ten tres cravos; un en cada brazo (patibulum) e outro no pao (estipite). Polo medio da estipites pasan tres cordóns moi finos. No “Medio pé” (MP) ten dous cordóns e a inscrición: “⁕MENTEN SANTAN ESPONTAEAN ONOREN DEI PATRI ET LIBERACINOEM · AÑO DE MDLXXVIII ANOS”. Pecha a decoración con tres cordóns.

Nota: A letra O ten unha cruz no seu interior e algunhas letras como A ou a T teñen puntos o seu redor. No primeiro texto comeza a partir dunha cruz e no segundo remata cunha estrela, un sino de separación entre palabras ou entre frases. Por outra parte, o conxunto, campá e xugo, son tan importantes tanto no seu contexto histórico como o seu valor patrimonial, que debería ser protexida coa incorporación dunha ficha aparte como Ben Moble de Interese Cultural ao catálogo do conxunto do Barrio do Santuario da Virxe do Camiño; xa que este conxunto está declarado BIC, ademais, o seu xugo debe de ser restaurado na medida do posible, substituíndo as pezas deterioradas por outras de similar forma e función.
- Xosé Troiano Carril. Investigador camariñán e divulgador da historia e do patrimonio galego.