mércores. 11.02.2026
El tiempo

O IES Eduardo Pondal aproveita a maxia do proxecto Erasmus+ con varias mobilidades

IES de Ponteceso no ErasmusVET
Alumnado da familia Erasmus VET
O IES Eduardo Pondal aproveita a maxia do proxecto Erasmus+ con varias mobilidades

Un dos centros costeiros que mellor aproveitan as posibilidades do marabilloso proxecto Erasmus+ é o IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Durante este mes de febreiro, o instituto pontecesán desenvolve dúas mobilidades internacionais ao abeiro do programa, reforzando así o seu compromiso cunha educación de calidade, orientada ao desenvolvemento académico, profesional e persoal do alumnado, así como á internacionalización do centro.

Cómpre salientar tamén a elevada implicación do profesorado do centro na estratexia de internacionalización, participando activamente en mobilidades de formación e intercambio didáctico que se desenvolverán en países como Italia, Grecia e Chile. Estas accións contribúen á actualización pedagóxica, ao coñecemento doutros sistemas educativos e á incorporación de metodoloxías innovadoras no proceso de ensino-aprendizaxe.
 

O FP de Transporte e Mantemento de Vehículos

A primeira das mobilidades tivo lugar entre o 3 e o 10 de febreiro e estivo dirixida ao alumnado da familia profesional de Transporte e Mantemento de Vehículos, dentro do programa Erasmus VET. Esta mobilidade en Italia permitiu ao alumnado coñecer contornas produtivas de alto nivel tecnolóxico e excelencia industrial, directamente relacionadas coa súa formación profesional. O programa incluíu visitas técnicas á factoría de Lamborghini en Sant’Agata Bolognese, onde se analizaron os postos de traballo e os procesos de ensamblaxe, así como ao Museo Lamborghini.
Ademais, realizáronse visitas formativas ás empresas Ducati, Pagani e Ferrari, así como á Dallara Academy de Parma, centro de referencia internacional na formación e investigación aplicada á automoción e á enxeñaría.

A dimensión educativa da mobilidade completouse cunha serie de visitas culturais ás cidades de Parma, Módena, Venecia e Bolonia. Así mesmo, desenvolveuse unha estancia formativa en Brescia en colaboración co centro educativo CFP Zanardelli, na que tamén participou profesorado do IES en modalidade de jobshadowing, favorecendo o intercambio de metodoloxías didácticas, a observación directa da práctica docente e a mellora continua da calidade educativa.

Erasmus SCH

Paralelamente, entre o 7 e o 14 de febreiro, estase levando a cabo unha segunda mobilidade Erasmus SCH en Alemaña, coa participación de alumnado de 3º e 4º da ESO. Nesta experiencia, o alumnado é acollido por familias anfitrioas e intégrase na vida escolar do centro socio FLG de Asperg, participando en actividades lectivas, proxectos colaborativos e accións de convivencia. O programa inclúe visitas educativas e institucionais de especial relevancia, como o Parlamento Europeo en Estrasburgo, así como actividades culturais en Stuttgart, o Museo Mercedes-Benz e a rexión do Lago de Constanza, reforzando a aprendizaxe das linguas estranxeiras, a competencia social e cívica e o sentimento de pertenza á cidadanía europea.

Máis accións europeas

O desenvolvemento destas mobilidades non supón un punto final, senón que forma parte dun proceso continuo de apertura internacional do centro. Así, o próximo 28 de febreiro un alumno e unha alumna do Ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia iniciarán unha mobilidade Erasmus+ en Italia para a realización das prácticas formativas en empresas especializadas no seu ámbito profesional, estancia que se prolongará ata o mes de xuño. Esta experiencia permitirá unha inmersión prolongada no contexto laboral europeo e un reforzo significativo das competencias profesionais e persoais do alumnado participante.

Do mesmo xeito, durante o mes de marzo está previsto un novo intercambio do alumnado de 1º de Bacharelato á cidade de Rennes (Francia), dando continuidade ás accións Erasmus SCH e afondando na dimensión académica, lingüística e cultural do proxecto.

Estas mobilidades Erasmus+ constitúen unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento do proxecto educativo do centro, ao permitir a aplicación práctica das aprendizaxes, a adquisición de competencias clave e a apertura do alumnado e profesorado a novos contextos culturais, sociais e profesionais. O IES consolida deste xeito a súa aposta polo programa Erasmus+ como elemento estratéxico para a mellora da calidade educativa, a innovación pedagóxica e a formación integral do seu alumnado nun contexto europeo.

Máis novas

Comentarios