Carnota e Muros únense ao programa de xestión de residuos da Barbanza


Parece unha gran idea que a Mancomunidade sirva para levar a cabo a recollida selectiva do lixo unindo varios concellos. Intentouno no seu día a Mancomunidade de Fisterra, pero nin para esas somos capaces de poñer 5 concellos dacordo...
Onde si se puxeron dacordo foron na Mancomunidade "Serra do Barbanza", onde a Planta de reciclaxe e compostaxe é todo un exemplo a nivel galego, e ademais unifica a recollida de lixo. Un tipo que planta que xa se solicitou por algún grupo político, pero polo de pronto non houbo movemento algún para traela.
Entre os concellos da Mancomunidade do Barbanza atopamos aos de Carnota e Muros, unidos aos de Ames, Brión, Lousame, Noia, Pontecesures e Porto do Son e Rois, centralizando así o transporte, a separación, a reciclaxe e a reutilización do lixo. Na planta situada no concello de Lousame a materia orgánica xerada nestes concellos convértese en compost. Un abono natural que serve para utilizalo na agricultura.
Acción Educativa
Pero a proposta non só é a nivel práctico. O programa inclúe unha Acción Educativa para concienciar á poboación. O sistema necesita veciños e veciñas que coñezan a importancia da separación en orixe e que practiquen condutas proambientais para a redución, reutilización e reciclaxe. É por iso que a Mancomunidade conta cun programa de concienciación e educación ambiental chamado “O lixo desde o teu Concello”, desenvolto por ADEGA.
Os obradoiros teñen diferentes temáticas ambientais centradas nos residuos (tóxicos no fogar, compostaxe, reutilización de envases, reciclaxe de papel…). Constan dunha parte teórica e outra práctica, e ofrécense de maneira gratuíta a centros de ensino, asociacións, concellos, casas de cultura, etc.
A programación esténdese durante todo 2014. Se es veciña ou veciño destes concellos, se es parte dunha Asociación, dunha escola, dunha comunidade de montes, e estás interesad@ en recibir algún destes obradoiros ponte en contacto con nós (981 57 00 99 - lucia@adega.info)
Máis información
Novas relacionadas
- Piden de novo que a Costa da Morte acolla unha das seis plantas de Compostaxe galegas.
- Os peques de Carballo aprenden a reciclar entre risas.
- Reciclando os aceites domésticos en Corcubión.
- Por unha planta de tratamento de residuos en Cee.
Fonte
- Nota de prensa do ANC.