O Concello de Muros dinamiza o mercado ofrecendo postos de balde

Interesante proposta a que realiza o Concello de Muros para dinamizar o seu Mercado de Abastos. A campaña ‘Ven e proba’ ofrece aos comerciantes interesados en ocupar de forma gratuíta algún dos postos baleiros da praza de abastos nos meses de xullo e agosto.
“Queremos dinamizar a praza, que todos os seus postos teñan actividade, e con esta campaña as persoas interesadas poden probar con autorizacións de uso temporais se o seu negocio lles resulta rendible neste espazo”, explica a alcaldesa de Muros, María Lago.
A iniciativa conta co visto bo dos praceiros, “xa que son conscientes de que canta máis xente e máis actividade teña a praza, mellor para todos”, engade a concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira.
O concello pon en marcha desta forma “unha acción de fomento da actividade económica local, que asemade sirve para a promoción da ocupación en réxime de concesión, a convocar no futuro inmediato, dos espazos da praza de abastos municipal que se atopan baleiros”, apunta a alcaldesa.
As persoas interesadas deben presentar unha memoria describindo a actividade a desenvolver no posto. A selección dos comerciantes que participarán nesta campaña levarase a cabo perante un procedemento de concorrencia competitiva.
Durante a vixencia das autorizacións para a ocupación e uso dos espazos que se outorgarán, o Concello de Muros farase cargo das subministracións de luz e auga correspondentes aos mesmos.
O prazo para presentar as solicitudes remata o próximo 26 de xuño. As bases da convocatoria están a disposición dos interesados na web www.muros.gal.