Venres. 26.04.2024
El tiempo

CxG aposta pola creación dun viveiro comercial na praza de abastos de Muros

CxG aposta pola creación dun viveiro comercial na praza de abastos de Muros
Voceiros de CxG Muros no Mercado de Abastos

Os concelleiros de Compromiso por Galicia no concello de Muros, María Xosé Alfonso Torres, José Manuel Quintela Fernández e María Sambade Lloréns, veñen de presentar hoxe na praza de abastos unha serie de propostas para ser sometidas a consideración do vindeiro pleno en forma de moción, “co obxectivo de axudar a emprendedores, revitalizar o mercado e o casco histórico de Muros e solucionar os problemas dos postos de venda de peixe do peirao”, indica Alfonso Torres.

A galeguista cre que se trata dunha “proposta en positivo, sendo prácticos para sacar dos recursos do concello o máximo rendemento posible sen facer grandes investimentos, e que pretende resolver de vez varios problemas da nosa vila ante a pasividade da alcaldesa”. Dende Compromiso por Galicia indícase que estamos vivindo unha época de especial dificultade para a aparición de novas persoas emprendedoras no eido comercial, “e cremos que dende o concello deben facer algo máis que estar de brazos cruzados”, apunta María Xosé Alfonso. A concelleira cre que unha solución ideal sería a de realizar os cambios necesarios tanto na ordenanza como na taxa reguladora dos postos de venda do mercado de abastos, “para facer cos postos libres do mercado unha especie de viveiro comercial, de xeito que unha persoa que queira gañarse a vida como comerciante poida empezar nun deses postos de venda cuns gastos mínimos durante certo período de tempo, para transcorrido este, se ve que resulta viable o seu proxecto, poder establecerse noutro lugar do noso concello cunhas mínimas garantías de éxito”.

Neste sentido, Alfonso Torres entende que “as novas actividades que se implanten nestes postos deben ser compatibles coas propias dunha praza de abastos e dándolle prioridade ás actividades propias dunha praza destas características”, ao que engade que isto “revitalizará o casco histórico de Muros, dándolle máis dinamismo económico, e que non caia en saco roto a importante inversión que se fixo na praza no seu día”.

Venda de peixe no peirao

A moción que presentará Compromiso por Galicia recolle tamén toda a problemática referente aos postos de venda de peixe no peirao de Muros, que levan tempo recibindo comunicacións de Portos para que os pechen. A proposta inclúe “dotar de todas as facilidades posibles para que estes postos pasen ao mercado, negociando e acordando con eles, e cos que xa están no mercado, uns horarios flexibles que garantan que puideran manter á clientela e lles ocasionara o mínimo trastorno”, apunta Alfonso Torres.

Fonte

  • CxG muros.

Comentarios