Venres. 10.05.2024
El tiempo

Abren dilixencias contra altos cargos de Augas de Galicia pola autorización das verteduras da mina de San Finx

Funeral contra a mina de San finx
Imaxe da mobilización da semana pasada
Abren dilixencias contra altos cargos de Augas de Galicia pola autorización das verteduras da mina de San Finx

A Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña vén de abrir dilixencias de investigación contra a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e outros cargos do seu departamento en relación coa autorización de verteduras do pasado mes de febreiro concedida á mina de San Finx, no municipio de Lousame.

A Fiscalía pide a declaración en calidade de investigados a Teresa Gutiérrez e outros cargos de Augas para determinar se procede esixir algún tipo de responsabilidade penal ao autorizar esas verteduras.

Foron as confrarías de pescadores de Noia e Portosín, e o colectivo Ecoloxistas en Acción, os que alertabab do "modo irregular no que se concedeu a autorización de verteduras e da omisión por parte de Augas de Galicia tanto do control e sanción de verteduras xa existentes como da obrigación de cobrar á empresa mineira o canon do control de verteduras, o que ascende a máis de 30 millóns de euros".

Fiscalía tamén recolle denuncias por verteduras ilegais que cursaron ante o Seprona as confrarías, que neste caso achacan á filial da empresa australiana Pivotal Metals e os seus administradores.

A Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia demanda piden a dimisión de todos os cargos da Xunta, e que sexan apartados "inmediatamente" dos expedientes relativos á mina de San Finx ante "o risco de destrución de probas e o evidente conflito de intereses nos trámites en curso".

Lembran que "este mes a directora de Augas de Galicia acordou conceder unha prórroga á empresa mineira australiana para completar as infraestruturas de vertedura, despois de que esta incumprise o condicionante de finalizar as obras en catro meses". "Deste xeito, a vertedura de case 1.000 millóns de litros anuais podería comezar a partir do 12 de agosto, inxectando metais pesados á ría de Muros e Noia, onde miles de familias dependen da calidade das augas e dos bancos de marisqueo para o seu sustento", agregan.

Comentarios