James Rhodes nas Noites do Porto da Coruña: "Alguén ten que falar galego aquí”
Máxica noite a que brindou James Rhodes esta pasada noite dominical na Coruña. O peirao de Batería, no proceso de reapertura á cidadanía tras décadas secuestrado, acollía unha impresionante carpa no marco da segunda edición de ciclo de concertos Noites do Porto. Foi o pianista británico o que pechaba esta serie, cun concerto no que o gran protagonista era Chopin.
E precisamente esa capacidade para traer á máxima actualidade e ao público masivo compositores de hai 200 anos é un dos grandes logros deste pianista británico, que mestura a maxia dos seus dedos (consegue facer soar un piano de cola como unha orquestra enteira) coa naturalidade das súas explicacións. “Chopin, a pesar de ser un gilipollas, é “el puto amo”, o mundo do piano seria inconcebible sen el”, recoñeceu lembrando aquel cassete que o levou ás nubes cando apenas tiña 8 anos.
O fillo adoptivo de Muros expresou en varias ocasións o seu amor por Galicia. Comezou falando en galego e dicindo claro que “alguén ten que falar galego aquí”. Ademais acabou cunha peza romántica do autor polaco de máis de media hora, que lle dedicou aos galegos: ”Galicia é o meu segundo fogar, e oxalá algún día sexa o primeiro”.
View this post on Instagram