«Juan J. Gestal Otero. Un muradán excepcional»

«As distincións non deben pedirse, pero deben aceptarse e agradecerse». Con estas palabras comezou o seu emotivo discurso de agradecemento, o prestixioso catedrático e doutor muradán Juan J. Gestal Otero, tras recibir os máximos galardóns que pode outorgar o Concello de Muros.

Nun fermoso e solemne acto, perfectamente organizado por Manuel Lago (Manolo de América, como é coñecido en Muros), o auditorio da Casa da Cultura quedábase pequeno para acoller aos numerosos veciños e amigos que acompañaron, este domingo (1 de abril de 2018), a Juan J. Gestal Otero na recepción do título de Fillo Predilecto e Medalla da Vila.
A alcaldesa da localidade, María Xosé Alfonso, dirixiu con brillantez a cerimonia desde a mesa presidencial, onde tamén estaban, ademais do eloxiado, o Presidente do Parlamento de Galicia (Miguel Santalices), o Reitor da USC (Juan Viaño), o Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía (Julian Álvarez), o Secretario municipal (Francisco Abeijón) e a persoa encargada da disertación laudatoira (Domingo Guerra).

Nun lugar principal do escenario situáronse, tamén, os demais membros da Corporación Municipal encabezados polos portavoces: Inés Monteagudo (PPdeG), Caridad González (PSdG-PSOE) e Manuel García (BNG).

Nas primeiras filas da sala, atopábanse xunto a dona do homenaxeado, Matilde Romaní e aos familiares directos, os Presidentes das Academias de Medicina e de Farmacia de Galicia, o Secretario da Real Academia de Galicia (o tamén muradán Henrique Monteagudo) e outras ilustres personalidades.
Domingo Guerra, foi o encargado de glosar a traxectoria vital de Juan J. Gestal Otero, a quen definiu como «un muradán excepcional, traballador infatigable polo seu pobo». O noso especialista en economía municipal, quixo agradecer publicamente aos membros da corporación que o designasen, por unanimidade, para efectuar a «laudatio», e tivo palabras de agradecemento para o galardoado, pola deferencia, ao pedirlle tamén, que desempeñase esa labor no evento.

Domingo Guerra, detallou o amplo currículo de Juan J. Gestal Otero e outras facetas da excepcional carreira que o fixeron merecedor de múltiples distincións, como a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, o máximo galardón que pode conceder esta Universidade.
A continuación, o Secretario Municipal, Francisco Abeijón, fixo lectura do acordo plenario do 25 de xaneiro deste ano, no que se lle outorgaban por unanimidade os títulos. Posteriormente, o Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, deu lectura a unha carta da Presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, na que se desculpaba por non poder acompañar ao que fora o seu profesor e onde destacaba a súa labor tanto no eido académico como hospitalario. Pola súa parte, o Presidente da Cámara galega, destacou a intensa traxectoria do catedrático emérito e agradeceu as ensinanzas e os sabios consellos, así como que, no seu momento, apostase pola transferencia das competencias sanitarias á Comunidade Autónoma de Galicia, cando se plantexou esa posibilidade.
Unha vez que a alcaldesa de Muros lle impuxo a Medalla da Vila e lle fixo entrega do Certificado acreditativo do nomeamento como Fillo Predilecto, o que fora Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, tomou a palabra para, visiblemente emocionado, sinalar que «nunca pensei recibir estas distincións do meu pobo, ao que me sinto moi orgulloso de pertencer, e do que presumo sempre que teño ocasión, considerándome unha persoa moi afortunada por ter nacido nunha vila tan fermosa».

O novo Fillo Predilecto, durante o seu discurso, fixo un ameno percorrido histórico sobre a localidade, destacando o período de máximo esplendor, no que se detivo para recordar aos tres Diego de Muros, humanistas, bispos e mecenas que tiveron gran influencia nas Cortes dos Reis Católicos.
Referiuse tamén á coñecida expresión «todos somos galegos, menos o capitán que é de Muros» para sinalar nunha lección maxistral que a formulación correcta da frase é «todos somos galegos, mais o capitán é de Muros».
Comentou tamén o acerto do slogan «Muros, Vila de auga e sal», ao reflectir a esencia da economía muradá: o mar. Lembrou ás súas primeiras mestras, as aromas, comidas, festas, tradicións e expresou o seu agradecendo ao Orfeón Ría de Muros e á agrupación folclórica Faldriqueira de Muros, pola altruísta participación coa que contribuíron. Por último, reiterou a gratitude aos membros da corporación pola concesión unánime dos galardóns, e aos veciños e amigos polas mostras de afecto recibidas desde que se coñeceu o nomeamento.
Pechou o acto a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, agradecendo a Gestal o moito que traballou en favor de Muros e recordou aos outros distinguidos coa Medalla da Vila: Domingo Barreiros (2002), Xosé Agrelo (2003) e Marcelino García (2011).
Fonte
- Redacción QPC.
- Fotografía: Manuel María Pena Silva.