Muros afonda no seu pasado e estrea a súa I Semana da Historia
O Concello de Muros acolleu esta mañá a presentación da I Semana da Historia de Muros, unha novidosa iniciativa que se celebrará entre o 10 e o 13 de setembro e que busca poñer en valor a historia da vila dende a súa creación para así poder mirar cara ao seu futuro.
Descubrir os segredos históricos da vila é un dos principais obxectivos desta iniciativa que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Grupo de Estudos Territoriais da Facultade de Socioloxía da UDC.
Así, do 10 ao 13 de setembro a Fábrica de Sel será escenario dun encontro entre expertos en diversas disciplinas abordarán aspectos clave da historia e do patrimonio local nunha serie de relatorios e debates que culminarán cun concerto de clausura.
Programa
A programación arrancará o martes 10 de setembro ás 20:00 horas, co acto institucional de presentación das xornadas. Nesta sesión inaugural as licenciadas en Historia da Arte pola USC María Mayo, e Pepa Fernández Fernández ofrecerán unha charla titulada "A historia de Muros a través do Arquivo Municipal". O mércores á mesma hora o doutor en Xeografía Humana pola USC Pedro García Vidal ofrecerá a conferencia "A vila medieval de Muros: claves para interpretar unha paisaxe urbana de séculos"
O xoves será a quenda da doutora en Historia da Arte pola UIB Margarita Novo Malvárez, quen analizará tres icónicos edificios que marcaron a identidade cultural da vila na conferencia "Arquitectura do ocio en Muros: Teatro Mercedes, Cine París e Cine Avenida".
A semana culminará o venres, cunha intensa xornada que comezará ás 20:00 horas co debate "Retrospectiva e Prospectiva: Un Debate entre A Historia e o Futuro de Muros", moderado pola doutora en Turismo pola UDC Iria Caamaño Franco e coa participación do catedrático en Historia Moderna pola USC Isidro Dubert García e o licenciado en Filoloxía pola USC Alfonso Blanco Quintela.
Como broche final ás xornadas, a Escola Municipal de Música de Muros ofrecerá o concerto "Cine París en Concerto: Melodías dunha Época", unha homenaxe musical que porá o peche a esta primeira edición da Semana da Historia de Muros.