Muros sumérxese na Ría da Estrela
07:12 12/11/15
A Ría da Estrela e o novo proxecto de dinaminazación turística da zona de Muros
Chega ata a redacción de QPC un novo proxecto turístico que abrangue unha zona cargada de recursos como é a de Muros. Baixo o lema "A Ría da Estrela" nace este plan que ten por obxectivo potenciar os recursos turísiticos de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son. A súa imaxe de marca, unha estrela de mar, ademais de representar aos cinco concellos que se inclúen no proxecto, evoca aspectos do Camiño (como a relación coa vía láctea) e será a encargada de unificar as mensaxes promocionais deste xeodestino.
Nesta primeira fase, esta nova marca de dinaminazación turística puxo en marcha unha páxina web na que se recollen os diversos recursos turísticos da zona e teñen cabida novas de carácter cultural, deportivo ou social relacionadas cos cinco concellos incluídos no proxecto.
Acompañando a este espazo web, entran en funcionamento varias redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) as cales, ademais de publicitar os atractivos locais e de axudar a manter unha relación con veciños e visitantes, tamén colaborarán decisivamente co posicionamento do produto web.
Repartiranse 60.000 folletos para a dar a coñecer os recursos turísticos da zona
Este apartado virtual acompáñase de 60.000 folletos promocionais e duns expositores colocados en puntos seleccionados ben por contrar cun elevado tránsito de persoas ou ben por ter unha especial relación co mundo do turismo.
Finalmente, un “stand” modular será o encargado de promocionar a ría de Muros-Noia entre o gran público galego, prevese a súa rotación polos centros comerciais con maiores afluencias de visitantes das sete cidades galegas. Unha vez cumprida esta misión, a caseta dedicarase posteriormente a apoiar a presenza dos concellos do xeodestino en feiras turísticas.
Para dar sentido a todas estas ferramentas, elaborouse unha estratexia de comunicación centrada na unidade de acción, por iso non mostra unha oferta de recursos turísticos divididos por concellos, senón que opta por organizarse en base a unha serie de sensacións ou experiencias.
Creouse un catálogo de experiencias turísticas para vivir a través dos sentidos
Catálogo de experiencias
“Crer” é o apartado máis galego do catálogo de experiencias, xa que incorpora elementos ou lugares marcados pola maxia, a fe, as lendas ou as crenzas populares. O apartado de “Saber” céntrase en aspectos culturais, cunha especial incidencia dos recursos de turismo industrial, posiblemente o tipo de turismo que máis se desenvolveu nos últimos anos. “Oír” achéganos aos nosos maiores, ás súas historias e as súas tradicións, ás festas e ás feiras. Unha comarca de tanta beleza natural tiña que contar tamén cun apartado dedicado ao paisaxismo; en “Ver” os miradoiros e praias son os seus principais protagonistas.
Finalmente un quinto apartado denominado “Comer, beber e durmir” ponnos en contacto non só cos nosos mellores produtos, senón tamén co sector da hostalería, básico para o éxito dunha actividade como esta.
Máis información
Fonte
- Redacción QPC
- A Ría da Estrela