Luns. 29.04.2024
El tiempo

Remata un novembro consciente no IES As Insuas

IES As insuas 1-Ramon Blanco
Montse París facendo o roteiro guiado. Fotos: Ramón Blanco
Remata un novembro consciente no IES As Insuas

Pecha o mes no instituto muradán das Insuas e con el un novo feixe de actividades realizadas. A última foi o martes 28 e consistiu nunha visita á zona vella da capital do concello para participar no roteiro guiado Historias dunha Vida Circular, dentro da campaña de Muros Consume Consciente, que tanto está a dar que falar entre a veciñanza. Como lle explicou a guía á rapazada, a pretensión vai máis alá dunha simple promoción do mercado local como alternativa á hora de comprar, ou do rexeitamento do Black Friday. Do que se trata é de reivindicar, como di o nome da campaña, un consumo máis sostible, priorizar unha economía circular no canto da dañina economía lineal que caracteriza o consumismo, do que somos á vez culpables e vítimas. 

Montse París, da asociación Auga e Sal (unha das entidades implicadas na inciativa), guiou o alumnado das Insuas polas rúas de Muros, facendo fincapé na desaparición de tantos comercios que lle daban luz (tamén en sentido literal) á vila non hai tantos anos. A visita comezou no porto de Muros, motor económico desde a Idade Media, cando era un dos portos galegos máis importantes. Seguiu despois o percorrido pola rúa Real, con diversas paradas, sendo talvez a máis destacada a que tivo lugar no actual Mercado, onde as reixas baixadas de case todos os postos son triste exemplo do que puido ser e non é.
Para non quedar coa muda protesta dos escaparates en negro, para reforzar a colorida mensaxe dos deseños feitos con cinta adhesiva, rematado o roteiro abriuse un debate espontáneo a pé de rúa. Entre idea e idea reivindicáronse, como prácticas sostibles, os oficios tradicionais, como o do zapateiro que aínda pervive, ou o latoeiro que xa pechou hai anos, e ofrecéronse alternativas, como a do libreiro que se adaptou á venda por internet. 

25 N

IES As insuas 1-Ramon Blanco 2

O IES As Insuas tamén organizou actividades durante toda a pasada semana con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia conta a Muller. A través de murais, flores de papel e broches feitos con flores naturais, microcontos, vídeos e pequenas escenificacións teatrais o alumnado tivo ocasión de tomar conciencia ante a terrible realidade que moitos non queren ver.

Talvez o intre máis emotivo fose no día 24, cando se inaugurou no xardín do instituto un lazo feito coas flores de cor lila que alí plantaron, e que rematou coa lectura dun manifesto por parte de varias alumnas. Estas eran as súas palabras finais: "Nas Insuas, este ano queremos mostrar o noso rexeitamento cara á violencia de xénero, plantando flores, que inunden a nosa terra de luz, de claridade como as estrelas no ceo. Estas flores, símbolo das mulleres do mundo, teñen que estar Sempre Vivas. Non o esquezas e NON PERMITAS QUE AS FLORES MORRAN. PLÁNTATE ANTE A VIOLENCIA DE XÉNERO”. Esa última oración foi o lema elixido para esta semana dedicada ao 25 N.

 

Máis novas Conscientes

 

Samaín e magosto

E volvendo a vista un pouco máis atrás, comezara o mes con outros actos que por ben que sexan apegados á tradición (e un pouco ao folclore) non deixan de ser meritoria resistencia contra outra das modas alleas: o Halloween de marras. O alumnado participou nun concurso de creación de audiorrelatos de medo con traballos que seguramente serían ben puntuados por Edgar Allan Poe, Stephen King ou Emilia Pardo Bazán. O día 13 (por sorte cadrou en luns) rematou cuns bos cartuchos de castañas asadas que serviron de reconstituínte tras hora e media de intensos xogos populares, outra alternativa que sería interesante promocionar, aínda que só sexa como pasaxeiro substituto das pantallas, pois é mágoa que haxa que rescatala, só en datas sinaladas, da memoria infantil do profesorado. 

Ben sabido é o difícil que é fomentar o espírito crítico e consciente, mais nesa tarefa xogamos o futuro. Como dixo Quino, o autor de Mafalda: "Para ensinar necesítase saber, mais para educar necesítase ser". 

  • Ramón Blanco

Comentarios