A campaña Muros Consumo Consciente xa está na rúa
Presentouse este venres no Antigo Cine París de Muros a campaña para impulsar o consumo responsable e o comercio local e de proximidade, facendo fronte ás ofertas das grandes cadeas como o Black Friday. Esta singular campaña promovida dende o concello, está coordinada por varios axentes locais comprometidos como son Espazo A Maceta, Fresco y del Mar, Auga e Sal e Galuriña.
“Muros Consume Consciente é unha campaña para concienciar sobre a necesidade dun consumo responsable, ademais de apoiar ao comercio local a loitar contra as prácticas consumistas das grandes superficies, que afogan ao comercio de proximidade”, explicou María Lago.
“Consultado o comercio local, todo o sector coincide en que campañas como o Black Friday o que fan é limitar as súas posibilidades e renunciar aos beneficios con moita máis carga de traballo”, engadiu a alcaldesa.
En palabras de Lago, “cremos que hai que darlle unha volta a esta situación, coñecendo tamén a irresponsabilidade que hai detrás destas prácticas consumistas, promovendo un consumo responsable e apoiando á sociedade e o comercio local”. “En definitiva, dándolle cor ao venres negro”, rematou. Laura Eiras agradeceu “a implicación que desde un primeiro momento mostrou o comercio local” e Alba Fernández apuntou que “a campaña está deseñada para transmitir a mensaxe do consumo consciente dende a comunidade educativa e creando dinámicas de participación da veciñanza de Muros".
Lembraron por último as actividades previstas para os próximos días, “con iniciativas de concienciación cos centros educativos, mesas de debate, exposicións, vestindo de negro os escaparates dos baixos para despois facer instalacións de tape art sobre eles, ou a lectura dun manifesto o próximo venres, 24 de novembro”.