Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O Cole de Esteiro celebra unhas letras por Manuel María e o seu mestre Xosé Agrelo

O Cole de Esteiro celebra unhas letras por Manuel María e o seu mestre Xosé Agrelo

Como están sendo estas semanas previas ao Día das Letras Galegas nos centros de ensino da bisbarra. Semanas de vertixe cultural, cunha marea de actividades arredor da nosa lingua.

Un dos centros máis activos é o CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío de Esteiro (Muros), que despois de viaxar ao Medievo durante todo o cuatrimestre, agora volve aos nosos días para celebrar esta singular data con múltiples actividades en torno a figura do homenaxeado e tamén en prol da lingua e cultura galega.

Por unha banda son parte activa da Mostra de Teatro “Xosé Agrelo”, organizada polo concello e na que se representan gran cantidade de obras tanto por parte de compañías de teatro profesional como por grupos de teatro afeccionado. O alumnado do cole asiste, xunto co dos outros centros educativos, a ver varias representacións. E tamén serán protagonistas, pois xa están cos últimos repasos da súa obra “Xograr Cangas e asociados” que, como non, xira en torno a lírica medieval.

Un concurso de contos por Manuel María, e por Xosé Agrelo

Traballan tamén en torno a figura do homenaxeado deste ano, Manuel María. Algunha aula está a facer caligramas cos seus poemas e outras escolleron un poema musicado del e interpretarano no acto das Letras Galegas que, por ter a axenda tan saturada, vaise realizar o día 27 de maio.
Neste mesmo acto farán entrega dos premios do Concurso de Contos Mestre Agrelo. Este concurso é organizado pola ANPA en colaboración co colexio. Leva este nome porque Xosé Agrelo Hermo foi mestre no centro esteirán durante moitos anos. Cos contos gañadores prepararanse uns videos con imaxes que acompañen a historia e serán proxectados no acto. O curso pasado tiveron a grandísima sorte de que persoas importantes do audiovisual galego como Sabela Arán, Monti Castiñeiras, Antonio Mourelos e Lucía Regueiro puxesen voz ás historias gañadoras.

Por outra parte, este curso, profesorado do centro está a realizar un seminario sobre a lingua de signos. Por iso, o alumnado de infantil está a preparou un poema de Manuel María “O arco da vella” signado. O sistema usado foi o bimodal. Empréganse signos propios da LSE (Lingua de Signos Española) e a estrutura da linguaxe oral. Están para comelos.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios