O estudante muradán, Pablo Monteagudo Lago, Premio Nacional da ESO
Segue a Costa da Morte colleitando grandes premios académicos. Desta volta, un muradán, Pablo Monteagudo Lago, alumno do IES Plurilingüe Fontexería, vén de gañar un dos 15 Premios Nacionais ao rendemento académico na ESO convocados polo Ministerio de Educación.
O alumno, despois de ter conseguido a nota máis alta nos premios extraordinarios ao rendemento académico de Galicia presentouse a un exame a nivel estatal no que participou o alumnado que obtivo as mellores notas nas súas respectivas comunidades.
O premio está dotado con 1000 euros, unha distinción no seu expediente académico e un diploma acreditativo que recollerá proximamente na sede do Ministerio de Educación en Madrid.
A dirección do IES Plurilingüe Fontexería quixo manifestar a súa alegría e satisfacción ao sumarse a outros premios recibidos por este centro nos últimos cursos. "Queremos salientar a importancia deste premio estatal do noso alumno do que facemos partícipes á familia e a todo o profesorado. Non debemos deixar de destacar que Pablo Monteagudo Lago, nesta convocatoria, foi o único galego que conseguiu este importante premio", lembrou a directora, María José Lago Fiúza.
Novas relacionadas
- Novembro 2014: Un costeiro, premio Nacional de FP de Grao Superior.
- Decembro 2013: A ceense Ainhoa Conde, a mellor nota do curso en toda Galicia.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).