Luns. 29.04.2024
El tiempo

O FIOT homenaxea co Xograr de Outono a título póstumo a Xosé Manuel Olveira "Pico"

O FIOT homenaxea co Xograr de Outono a título póstumo a Xosé Manuel Olveira "Pico"
O FIOT homenaxea a Xose Manuel Olveira Pico co Xograr de Outono 2013

Foi un dos persoeiros da cultura galega máis querido dos últimos anos. Así o demostrou a reacción de todo o país ante a súa inesperada morte aos 58 anos o pasado verán. E así o demostran as numerosas homenaxes que se lle renden ao longodo país. Desta volta, é o Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o que decidiu outorgar o galardón honorífico do "Xograr de Outono", a título póstumo a Xosé Manuel Olveira “Pico”, un dos actores máis importantes e esenciais do teatro e do audiovisual galego, ademais dun rostro coñecido polo gran público.

O acto de entrega terá lugar o próximo sábado 26, coincidindo coa función de Teatro do Aquí, a compañía de Roberto Vidal Bolaño, primeiro Xograr do Festival en 2002. Ademais, está prevista a asistencia da súa familia.

3º Xograr a título póstumo

Por terceira vez, o xurado do Xograr de Outono, formado pola organización do FIOT e os anteriores premiados, decidiu outorgar o galardón, a título póstumo e como homenaxe e recoñecemento profesional, a un dos actores máis importantes e esenciais do teatro e do audiovisual galego, ademais dun rostro coñecido polo gran público. O seu nome, como recordan desde a organización do FIOT, xa estivo entre as propostas finais doutras edicións e é agora cando se lle entregará este título honorífico nun acto ao que asistirá a súa familia. En 2002, o premio Xograr de Outono concedeuse por primeira vez a Roberto Vidal Bolaño, un dos dramaturgos máis importantes da literatura galega, e o ano pasado, a Alberto Gende, deseñador e creativo carballés que durante case dúas décadas foi o autor da imaxe do FIOT. En ambos casos, uns meses despois do seu pasamento.

Vinculación co FIOT e con Carballo

Xosé Manuel Olveira “Pico” (Muros, 1955 - Santiago, 13 de xuño de 2013) actuou en varias ocasións no marco do FIOT. A última en 2011, con O Florido Pensil; e antes, con Noite de reis, do Centro Dramático Galego, Premio do Público ese mesmo 2007, entre outras. O actor tamén estivo presente en numerosos eventos da programación cultural do Concello de Carballo.

Unha longa e completa carreira

Na súa faceta de actor teatral, que iniciou en 1972, foi protagonista de obras tan diversas como a adaptación de Doentes de Roberto Vidal Bolaño que dirixiu Gustavo Balza, ou o Ricardo III do Centro Dramático Galego.

Tamén deixou tras de si unha longa traxectoria en cine e televisión. Participou como actor nalgunha das series de televisión máis exitosas de Galicia. Entrou nos fogares de miles de galegos en 1998, da man de Don Amancio, o párroco de Portozás, en Mareas Vivas. Anos despois, acompañou a Ernesto Chao nas mil e unha aventuras da serie Pratos Combinados. Tamén interpretou ao Bispo en Padre Casares e un dos seus últimos papeis foi na serie Matalobos, onde daba vida a un xuíz. No panorama nacional participou en episodios de Hospital Central, Cuéntame cómo pasó ou Piratas. Na súa faceta humorística, que tamén marcou boa parte da súa carreira, colaborou en espazos como Air Galicia.

No cine debutou da man de Chano Piñeiro en Eu, o tolo, que contaría máis tarde con el para a súa película máis importante, Sempre Xonxa. Ao longo da súa carreira apareceu en máis de trinta curtametraxes e películas. Entre estas últimas, A lingua das bolboretas (1999), de José Luis Cuerda; Cuando vuelvas a mi lado (1999), de Gracia Querejeta; O lapis do carpinteiro (2002), de Antón Reixa; Mar Adentro (2004), de Alejandro Amenábar; ou Celda 211 (2009), de Daniel Monzón. Un dos seus últimos traballos foi Somos xente honrada, do galego Alejandro Marzoa.

Durante a súa intensa traxectoria, Xosé Manuel Olveira foi recoñecido en numerosas ocasións con galardóns ao seu traballo, aos que agora se suma, a título póstumo, o Xograr de Outono 2013. En concreto, recibiu en catro ocasións premios María Casares, así como o Maruxa Villanueva de Teatro no ano 2009. Entre 2009 e 2011 desempeñou tamén o cargo de presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios