O sector pesqueiro muradán reúnese contra os salmóns


A Coordinadora en Defensa da Ría de Muros e Noia, acordou volver a reunirse o vindeiro venres día 7 de outubro ás 19.30h en Noia, para tratar as medidas que se van adoptar despois dos feitos acontecidos nos últimos meses en relación coa problemática da colocación das gaiolas de salmón na ría.
Un dos feitos que motiva a reunión produciuse no pasado mes de agosto onde por mor un lixeiro aumento nas temperaturas da auga, observouse como o remolcador Ría de Vigo estivo realizando tarefas de subministro de auga para refrixerar os salmóns da gaiola da empresa North West Food.
Ademais existe gran preocupación por parte do sector posto que nas últimas semanas están aparecendo enredados nas redes centos de exemplares de salmón mortos, que polo seu tamaño poden coincidir cos que hai nas gaiolas, estes salmóns desprenden un olor nauseabundo e están nun avanzado estado de descomposición, posto que nin sequera os depredadores mariños os están a comer.
Mentres suceden todas estas irregularidades a Consellería do Mar non está a informar aos mariñeiros das novidades que se producen en torno a esta gaiola, polo que dende a Coordinadora se preguntan "cal é o estraño motivo que leva a esta Consellería a permitir que unha empresa privada se aproveite duns recursos públicos como o remolcador ou que non teña previsto ningunha actuación contra o que pode rematar nun problema ecolóxico de seguir aparecendo salmóns mortos pola ría".
Ademais despois da información facilitada aos medios o pasado sábado pola Coordinadora, sorprende "a actitude de pasividade que se está tomando dende a Consellería xa que consideramos que se debería de poñer a traballar de inmediato para certificar a procedencia exacta dos salmóns e o que nos parece máis importante empezar a limpar e sanear os fondos mariños de todos os exemplares que poidan quedar contaminándoos, posto que de seguir así esto pode rematar nun gran problema medioambiental".
Novas relacionadas
- 03-10-11: Unha de salmóns mortos en Muros.
- 15-09-11: Denuncian que o contrato coa empresa das gaiolas de salmón de Muros está caducado.
- 05-09-11: Denuncian que a Xunta cede a súa embarcación para salvar os salmóns de Muros.
- 06-06-11: A pesca artesanal e os ecoloxistas unen as súas forzas contra o salmón.
- A Xunta rexeita a proposición do BNG de anular as gaiolas de salmón en Muros.
- Muros e a Barbanza rexeitan as xaulas de salmón.
- Aproveitan a noite para instalar as xaulas de salmón na ría de Muros.
- Muros mobilízase por terra e por mar contra as gaiolas de salmóns que crean división en Carnota.
Outras novas
Fonte
- Nota de prensa da Coordinadora en Defensa da Ría de Muros e Noia.