O Valedor do Pobo actuará ante a demora na correción de erros do PXOM de Muros
Seguen os Concellos de toda a Costa da Morte pelexando co PXOM. Desta volta, toca irmos ata Muros, onde o Valedor do Pobo vén de admitir a trámite a solicitude da concelleira de Compromiso por Galicia, María Xosé Alfonso, a respecto da correción de erros do PXOM, que aínda a día de hoxe segue sen ser efectiva. Por este motivo a institución autonómica iniciará as actuacións oportunas ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e infraestruturas e o Concello de Muros para requirir información a este respecto.
A corporación muradana aprobara o pasado 28 de febreiro de 2013 unha corrección de erros do planeamento urbanístico que na data de hoxe non está vixente por non ter o visto bo da Xunta, motivo polo cal a concelleira de Compromiso por Galicia, María Xosé Alfonso, solicitou información ao goberno municipal e á Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta. En palabras de Alfonso “ante a falta de resposta das dúas administracións, levamos o tema ao Valedor do Pobo, quen acaba de comunicarnos que admite a nosa queixa e requirirá á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que no prazo de quince días facilite a información solicitada sobre este asunto”.
A edil sinala que as familias afectadas por estes erros teñen dereito a saber se esta demora se debe ao lento funcionamento da Consellería ou á mala xestión do goberno municipal, motivo polo cal lle solicitaron a este ter acceso ao expediente e á Secretaría Xeral de Urbanismo información. “Pero ningunha destas solicitudes recibiu resposta, o que non deixa de ser, ao noso modo de ver, un claro caso de falta de transparencia das dúas administracións, da Xunta e da alcaldesa”, aclara a portavoz galeguista. De igual xeito, María Xosé Alfonso insiste en que este é un exemplo máis “da inutilidade e despilfarro que significa que a alcaldesa Caridad González gaste 100.000 € anuais en asesores e que nin tan sequera serven para que a Xunta aprobe unhas simples erratas no documento de planeamento urbanístico”.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa de CxG Muros.