Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O pobo de Esteiro ocupa a Illa da Creba

DCIM\100MEDIA\DJI_0048.JPG
Imaxe aérea da ocupación da Illa da Creba
O pobo de Esteiro ocupa a Illa da Creba

Non vai quedar así o pobo de Esteiro a pesar da negativa do pleno muradán. A veciñanza ten deixado claro que “A Creba é do pobo”, e se non hai apoio político, farán o posible para recuperar para a titularidade pública unha illa que consideran foi privatizada irregularmente.

Así, ducias de activistas, de veciñ@s ao fin ao cabo, protagonizan este sábado 9 de xullo, unha das accións sociais máis impactantes dos últimos tempos, ocupando pacífica e simbolicamente a Illa da Creba reclamando “que sexa devolta ao seu lexítimo propietario: o pobo galego”.

Organizadas a través da Plataforma pola recuperación da Illa da Creba, realizan este acto reivindicativo para denunciar “a complicidade dos gobernos do Estado e da Xunta co empresario actual propietario” e sinalan que “non imos parar até que a Illa volte a ser pública”, segundo explicou Rodrigo Molinos “Bolato”, veciño de Esteiro e voceiro da actual Plataforma.

Despregaron unhas enormes letras nas que se pode ler “A Creba é do pobo”. Tamén puido verse unha gran bandeira da patria situada no illote coñecido como A Pedra Vella.

Como participar

Vecinanza de Esteiro camino da Illa da Creba
Veciñanza de Esteiro camino da Illa da Creba

A Plataforma fai un chamamento á veciñanza de Esteiro e a todas aquelas persoas que queiran sumarse á xusta reivindicación de que a illa debe volver a mans públicas, para que se acheguen hoxe até a Creba sumándose á esta ocupación simbólica. Así sinalan que hai embarcacións dispoñíbeis que partirán desde o porto de Esteiro.
Poden contactar coa Plataforma no teléfono 691 52 86 93, no correo electrónico [email protected] ou nas redes sociais da Plataforma @acrebaedopobo (Facebook, Twitter e instagram).

Historia

A Illa da Creba atópase na ría de Muros e Noia, a 200 metros de Punta Uhía, na parroquia de Esteiro (Concello de Muros) e desde a Plataforma lembran que “a veciñanza de Esteiro era a propietaria dos terreos comunais da illa até que no ano 1922 se inscribise como ben privado no rexistro do Concello de Outes. A partir daquí todo son irregularidades e aberracións permitidas tanto polo goberno do Estado español como da Xunta de Galiza, como a construción dunha vivenda ilegal na illa no 1981 ou espigóns, rampa e recheos no ano 1989, ocupando 5.140 m2 de dominio público marítimo terrestre” explicou Bolato.

A creba e do pobo

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios