Primeira comisión local de Compromiso X Galicia en Muros
Muros é o Concello onde se crea a primeira comisión do novo partido Compromiso X Galicia. E son varios dos membros do equipo de goberno que abadonaron en abril o BNG. Entre eles atopamos á nova Secretaria local de CxG, María Sambade e María Xosé Alfonso, ambas edís no pleno municipal.
Son agora dous os partidos nacionalistas na vila muradá unha vez que o o BNG recuperou o fío da actualidade no mes de xuño.
A elección da nova secretaria local chegou tras unha reunión mantida a semana pasada entre varios veciños. María Sambade é profesora no colexio Ramón de Artaza de Muros, e iniciouse na política hai xa dous anos, ocupando a terceira posición na lista que encabezaba María Xosé Alfonso e saíndo concelleira eleita, cargo que ocupa na actualidade.
Na súa intervención incidiu en que "Compromiso nace para darlle unha luz de esperanza a aquelas persoas que están fartas da casta política que antepón os intereses dos partidos aos verdadeiros problemas da cidadanía. A política de Compromiso x Galicia en Muros vai a estar destinada a xente, ao seu servizo. Quere que a política se faga cos pés na terra, solucionando os problemas reais dos veciños e veciñas”, apuntou.
O rumbo a seguir, segundo a nova secretaria local, "é o que se ven facendo con María Xosé Alfonso", xa que "a súa maneira de entender a política de actuar é a esencia de Compromiso X Galicia”.
Fixo ademais un chamamento aos veciños e veciñas: “Chegou a hora de deixar de queixarnos, chegou a hora de comprometernos”.
Novas relacionadas
- 14-09-12: O Goberno de Muros reduce o soldo nun 15%.
- 25-06-12: O BNG de Muros recupera o fío da actualidade.
- 23-04-12: 3 edís nacionalistas de Muros abandonan o BNG e quédanse coas actas de concelleiros.
Fonte
- Nota de prensa de CxG.