Ruando, un proxecto para visibilizar a historia e o traballo das mulleres que construíron a vila de Muros

Fermosa proposta a de Ruando, unha iniciativa sociocultural que será presentada o próximo 18 de outubro, e que nace co principal obxectivo desta proposta é visibilizar a historia local de Muros a través das voces e experiencias das súas mulleres.
A Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Muros e coa promotora i-Radia Crea, presenta esta proposta que conta con varias aristas. Será unha exposición efémera, que se inaugurará o 18 de outubro, e se articulará como un mapa emocional de Muros, onde cada rúa estará vinculada ás historias de vida das súas habitantes, tanto presentes como pasadas.
Entre as protagonistas, destacan mulleres que foron costureiras, leiteiras, mariscadoras, conserveiras e outras profesionais de sectores tradicionalmente feminizados e a miúdo esquecidos, pero que sustentaron a economía e a vida comunitaria.
A exposición ofrecerá a veciños/as e visitantes unha experiencia única para coñecer a historia local desde unha nova óptica, resaltando a relevancia dos espazos de socialización e as persoas que lles deron vida.
Ruando pretende dar valor á memoria local do Concello de Muros mediante unha exposición que reconstrúa o pasado da vila, poñendo en primeiro plano os espazos comunitarios que marcaron a vida da veciñanza. Ademais, busca visibilizar as historias das mulleres cotiás que, grazas ao seu esforzo e traballo constante, foron esenciais no desenvolvemento do municipio.
“As voces silenciadas que merecen ser escoitadas” é outro dos lemas que acompañan esta proposta. A iniciativa tamén promove a participación activa de persoas de todas as idades para crear un lugar inclusivo que fomente o diálogo interxeracional, que se poderá experimentar en directo a través da montaxe da empresa galega de deseño Labauh, encargada de transformar este espazo nun escenario de interacción e expresión para toda a comunidade.
Con vistas de futuro, Ruando ten o potencial de estenderse a outros concellos, ofrecendo unha plataforma para que novas historias de vida sexan escoitadas e valoradas.