Martes. 30.04.2024
El tiempo

O BNG denuncia a reiteración dos vertidos no río Castro

rio castro contaminado leite
O BNG denuncia a reiteración dos vertidos no río Castro

Esta semana dabamos conta do vertido no río Castro que o deixaba como “se lle botasen leite”. Mentres o Seprona investiga un vertido que afectou a 16 km do curso do río, o que alza a voz é o grupo do BNG. Os voceiros do grupo de Cee, Muxía e Dumbría queren amosar o seu rexeitamento ao que entenden como “vertidos periódicos de empresas contaminantes situadas río arriba”. “Non é a primeira vez que ocorre”, lembran.

Un feito que ademais se suma ao “mal funcionamento das depuradoras e o vertido de fecais no río se incremente a contaminación”. “Moitas das aldeas que verten o seu saneamento ao río Castro no concello de Muxía, como Sorna ou Frixe, non teñen depuradoras, e noutras nas que as hai teñen un funcionamento incorrecto, xa que non se lles fixo un mantemento periódico, ou mesmo están inactivas, o que ocasiona que se estean a verter augas residuais sen depurar e se contaminen lugares de enorme valor paisaxístico e natural”, sinalan.

Lamentan que o vertido afecte “á biodiversidade do río afectará especialmente á fauna, por exemplo á eclosión de alevíns das troitas e aos insectos acuáticos dos que se alimentan estes peixes”, así como á piscifactoría de Lires.

Os voceiros do BNG dos concellos afectados denuncian estes feitos e instan “a Augas de Galicia a que, dunha vez, tome medidas para protexer o río Castro, evitar os vertidos contaminantes que periodicamente se veñen sucedendo e -se é necesario- adopte medidas sancionadoras”. “Deste xeito poderíase evitar que as empresas vertan a súa balsa de augas directamente no río cada vez que se enche, sen adoptar ningunha medida para reducir o impacto dos contaminantes e sen nin sequera advertir previamente aos concellos afectados”.

Ría contaminada

A realidade é que a de Lires, unha das máis fermosas da Costa da Morte, é tamén unha das máis contamiadas. “A desembocadura de Lires é hai tempo –hai anos- un lugar no que a calidade das augas non permite o baño e a administración non parece que estea adoptando ningunha medida para protexer o Castro, senón que máis ben tolera conductas que supoñen incrementar o ecocidio no noso río, un patrimonio natural, paisaxístico e mesmo etnográfico que habería que protexer dun xeito máis decidido”. O BNG reclama que “se faga unha xestión verdadeiramente responsable do saneamento e medio ambiente. De non aplicarse medidas a curto/medio prazo para paliar a contaminación, ademais do deterioro do noso medio ambiente e da perda de biodiversidade do noso entorno, poderíanse recibir sancións por parte doutras administracións como a europea”.

Máis info

Comentarios