O BNG de Muxía urxe arranxar a contorna da igrexa de Moraime “tras anos sen atención”
Mantén a súa postura na oposición o BNG de Muxía, que vén de urxir ao goberno municipal a mellorar a accesibilidade da igrexa románica de Moraime, “que leva anos sen atención”, logo de que a veciñanza lle trasladara as súas queixas polo deterioro da pasarela de baixada á igrexa, de tal xeito que os vehículos que se achegan ao templo para os oficios ou para visitalo e ver as pinturas murais tocan no chan desde hai tempo.
“Este é o único acceso en coche ao templo, ao que asiste moita veciñanza de idade e con problemas de mobilidade”, indicaron os nacionalistas, que cren urxente “facer un proxecto de mellora da accesibilidade e pedir os oportunos permisos a patrimonio para mellorar a baixada e que se faga de xeito respectuoso cunha contorna tan senlleira”.
Desde o BNG indicaron que “a pesares de que se acometeu recentemente unha reparación temporal, con xabre, non dou bo resultado, pois non so a tracción das rodas fai que os coches patinen alí, senón que o xabre non evita tampouco que os baixos dos vehículos toquen abaixo”.
Alertan tamén que hai "elementos deteriorados e sen servizo, como postes de luminarias sen luces, outros que xa non soportan ningún tipo de cableado e permanecen abandonados, e incluso un poste caído sobre o peche do campo”.
“Todos estes elementos só constitúen un caso de feísmo dun lugar, por onde pasa o Camiño de Santiago, que debería de recibir un trato especialmente coidadoso polo seu valor histórico, patrimonial e paisaxístico, polo que pedimos que se retiren á maior brevidade”, sinala Mercé Barrientos.