Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Un Campamento Pekebarca e un setembro infantil para a rapazada de Muxía

setembro infantil en Muxia
setembro infantil en Muxia
Un Campamento Pekebarca e un setembro infantil para a rapazada de Muxía

Completo será o mes de setembro en Muxía pensando na rapazada. A Biblioteca Municipal, coas pertinentes medidas de seguridade e hixiene, acolerá unha serie de actividades no chamado “Setembro Infantil”. A proposta principal é o Campamento Pekebarca, que se celebrará durante os días 7, 8 e 9 de setembro.

O prazo de inscrición remata o vindeiro día 4 deste mes, e poderase formalizar no teléfono 981 742 001.

4 actividades

O programa cultural comezará o día 4, con Eduvia e os seus ‘Contamos en igualdade’. Será ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal. Esta obra pretende rachar cos estereotipos dos roles tradicionais asignados ás personaxes dos contos en función do seu xénero, idade, etnia ou mesmo condición social, cultural ou funcional.

O día 11 de setembro, tamén ás 18:00 horas e novamente na Biblioteca Municipal, Trinketrinke escenificará o seu espectáculo ‘O coelliño branco’. A ratiña Lilí Gruyére e a súa mascota o Coelliño Branco, dramatizarán coa axuda dalgúns voluntarios/as do público o conto que o coelliño protagoniza.

O sábado 19 de setembro, ás 18:00 horas, Pakolas levará ata a Biblioteca Municipal de Muxía ‘As parábolas de Pakolas’. Paco Cerdeira interpretará en directo unha escolla dos seus temas para público infantil-familiar, con música de estilo moi rockeiro que entusiasma aos nenos e nenas.

Por último, o venres 25 de setembro, tamén ás 18:00 horas, a compañía O Carballo con Botas porá en escena a obra ‘A pequena fábrica de corazóns de papel reciclado’ na Biblioteca Municipal.

Será obrigatorio o uso de máscara sanitaria en nenas e nenos maiores de 6 anos.

Comentarios