CMAT e APTCM presentaron a nova web turística do destino Costa da Morte

Cita do sector turístico esta mañá no Parador de Lourido. A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e a Asociación Profesional do sector Turístico da Costa da Morte (APTCM), acompañados de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña, presentaron a nova web oficial do destino: visitacostadamorte.com.
O acto contou coa presenza de máis de 60 asistentes, entre eles, representantes institucionais de todos os concellos socios, e tamén do ámbito turístico e cultural. A apertura oficial estivo a cargo Manuel Muíño, presidente da CMAT e alcalde de Zas, quen agradeceu a todos os presentes que se achegaran ata Muxía. Non faltaron a vicepresidenta da CMAT, María Lema; o presidente de APTCM, Pepe Formoso, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
Pepe Formoso (APTCM) destacou a importancia do traballo conxunto de todos os socios deixando ao lado os individualismos, e o peso da nova web na promoción do destino como o principal escaparate.
A vicepresidenta da CMAT, María Lema, tomou un momento a palabra para recoñecer o traballo realizado cos aresáns e o elemento diferenciador que supón para o futuro do turismo na Costa da Morte.
Pola súa parte, Regueira destacou a “artesanía como valor propio do territorrio” e animou a todos os artesáns a aproveitar as oportunidades vinculadas ao turismo para seguir medrando. “Pero non so iso, senón que ademais contribúe á dinamización socioeconómica dos territorios e tamén á fixación de poboación, polo que debemos apostar polo seu presente e futuro”.
Por parte da Xunta, Merelles, subliñou o importante crecemento que está a amosar o sector turístico de Costa da Morte e recoñeceu a colaboración entre todas as institucións.
No evento tamén se presentou a dixitalización e tradución do emblemático libro de Xan Fernández Carrera, “A Costa da Morte, Confín de Europa”, así como a publicación da nova Guía de Artesanía na Costa da Morte.