A empresa social de Íntegro avanza na inclusión de persoas con diversidade funcional gracias aos novos contratos de limpeza na Costa
A empresa de iniciativa social de Íntegro Máis Porvir Xestion Social segue avanzando con paso firme na inclusión laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, o Centro Especial de Emprego conta xa con 40 traballadores/as, que desempeñan numerosos servizos auxiliares a empresas, organismos públicos e particulares da contorna, entre os que destacan diferentes traballos de limpeza de superficies e inmobles, labores de conserxería e hidrolimpezas en exteriores.
Un dos últimos municipios da Costa da Morte en sumarse a este proxecto empresarial sustentable e competitivo foi o Concello de Muxía. Desde o pasado mes de novembro, un grupo de persoas con discapacidade encárgase da realización das labores de limpeza nos centros de educación infantil e primaria de Vilarmide-Eduardo Noya, Virxe da Barca e Os Muíños.
Por outra banda, localidades como Mazaricos e Zas xa hai anos que depositaron a súa confianza e compromiso en Máis Porvir para garantir o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade. No caso do primeiro, a través da contratación do servizo de limpeza da gardería e o ximnasio municipais, así como do CEIP de Pino de Val (antes de que pechara as súas portas), e do CPI A Picota e CEIP San Cosme, onde tamén se realizan labores de conserxería. En Zas, estanse a efectuar tamén traballos de limpeza nos dous centros de saúde, na gardería municipal e no CEIP Labarta Pose de Baio.