Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Homenaxe peregrino a Antón Pombo e José Antonio de la Riera

Homenaxe peregrino a Antón Pombo e José Antonio de la Riera
Antón Pombo e De la Riera serán homenaxeados en Muxía polo seu traballo na Prolongación do Camiño a Fisterra e Muxía

Por fin chegou o día no que a Costa da Morte lle brinde unha homenaxe a dúas personas que tanto teñen loitado por que o Camiño remate na nosa bisbarra. Dúas persoas que a través do seu traballo, a través das súas guías e a través do seu saber, fixeron chegar a milleiros de peregrinos a idea de rematar o camiño na fin do mundo, e que a pesar de todo, moitas veces foron máis criticados que loubados, signo da nosa propia indiosincrasia.

Así, un grupo de amantes do Camiño de Santiago da zona teñen organizado para esta mesma tarde de venres 3 de agosto, unha homenaxe a José Antonio de la Riera e Antón Pombo.

De la Riera, ademais de colaborador desta casa cos seus relatos "Terminar o Camiño no Mar", foi presidente durante moitos anos da clave Asociación de Amigos do Camiño de Santiago AGACS (agora o relevo o ten a fisterrá Begoña Baldomar) e foi un dos que loitou para que se recoñecera a ruta Santiago-Muxía-Fisterra como Ruta Xacobea.

Pola súa banda, Pombo é unha das grandes referencias en canto a guías do Camiño se refire, e todo peregrino que se prece leva na mochila unha das súas guías. Pombo, afincado en Corcubión, é un defensor da nosa zona.

A cita será o venres 3 de agosto, ás 17:00h no Salón do Voluntariado en Muxía (preto da praza do Coído). Será o alcalde Félix Porto o que abra a sesión, e intervirán Tino Chao, peregrino activo, mestre e escritor, amigo dos homenaxeados; Ernesto Insua Olveira, que foi alcalde de Fisterra, participou activamente na defensa da prolongación a Fisterra e Muxía, e é o dono do establecemento Dugium en Fisterra; Manuel Pan, presidente de APTCM; e Paolo Caucci, membro do Comíte de Expertos do Camiño de Santiago da Xunta de Galicia, investigador e profesor universitario.

Haberá un ágape caseiro para que se poida charlar un pouco cos homenaxeados.

Sinalar que moitas persoas de distintos puntos da xeografía española remitiron xa as súas mensaxes para cos homenaxeados, e entre os asistentes estará tamén a escritora inglesa Traci Saunders.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios