Mércores. 09.10.2024
El tiempo

José Enrique Benlloch del Río segue debullando a importancia histórica de Moraime analizando fontes primarias

Pergamino de  Moraime na revista Nalgures
Benlloch analiza documentos como este pergamino datado do século XIV
José Enrique Benlloch del Río segue debullando a importancia histórica de Moraime analizando fontes primarias

Volve o investigador José Enrique Benlloch del Río descubrir documentación medieval que dá conta da relevancia histórica do priorado de Moraime. Xa en 2015 publicara a súa primeira entrega sobre a documentación medieval do priorado de Moraime, este ano acaba de publicar un novo artigo que demostra a importancia histórica dun recuncho tan pequeno e alonxado como Moraime, así como as batallas vividas entre Muxía e Moraime polo poder comarcal.

Un documento que viu a luz no tomo XVII, o número máis recente da revista “Nalgures”, da Asociación de Estudios Históricos de Galicia. A revista xa está en Bibliotecas, espazos especializados en historia… e será publicado na web estudioshistoricos.com a comezos do ano que vén.

Trátase nesta ocasión do privilexio outorgado polo rei Pedro I ao mosteiro moraimés na metade do século XIV. O documento rexio, unha carta en pergameo, leva selo de chumbo significativo de perpetuidade. Recolle outros privilexios dados por monarcas anteriores que en síntese tratan, da perspectiva do dereito, da protección e salvagarda dos bens e propiedades do convento. A coroa referenda o amparo anterior e confírmao, fixando penas económicas para quen atentase contra Moraime. Naquela época a vila de Muxía loitaba por acadar a súa autonomía financieira de Moraime mais o rei manda que continúe tributando en favor do prior.

Desde hai máis dunha década Benlloch del Río, que ten unha vinculación familiar e emocional moi importante co lugar onde mesmo foi bautizado, leva desenvolvido un amplo labor de investigación centrado no antigo arciprestado de Nemancos, correspondendo en boa medida ao que hoxe se coñece popularmente como Costa da Morte. Os seus artigos, sempre baseados nun sistemático traballo de estudo arquivístico en fontes primarias, aportaron luz sobre cuestións clave na historia de Muxía e a súa contorna. O notariado, a documentación relixiosa, xudicial, a administración, a antroponimia, os cargos armados e o desenvolvemento viario son alguns dos asuntos sobre os que ten escrito.

Neste caso, analiza xunto profesora doutora da Universidade de Oviedo Dª Mª Josefa Sanz Fuentes, a importancia deste lugar tan recóndito, que tivo unha relevancia histórica pouco frecuente en espazos tan alonxados dos núcleos de poder.

Non para a investigación do muxián, que ten infindade de cousas en marcha. Non todas verán a luz pública, pero si que sairá na vindeira edición da revista un artigo que afecta a un radio de decenas de quilómetros acoutada por catro vértices xeográficos: Muxía, Anllóns, Brens e As Maroñas.

Nova relacionada

Novas relacionadas

Artigos sobre Moraime

Comentarios