Luns. 24.06.2019
El tiempo

Manuel Vilar: "O MPG é unha mostra de memoria de nós como cidadáns de Galicia"

Manuel Vilar facendo unha guía no Mosteiro de Moraime-Foto-Xan Fdez Carrera
Manuel Vilar facendo unha guía no Mosteiro de Moraime-Foto-Xan Fdez Carrera
Manuel Vilar: "O MPG é unha mostra de memoria de nós como cidadáns de Galicia"

Antes de nada cómpre que darlle os nosos meirandes parabéns. É todo un orgullo para a familia QPC e para toda a Costa da Morte que un muxián sexa o novo Director do Museo do Pobo Galego, escollido por unanimidade polos seus compañeiros do Padroado.

É a primeira vez que ademais o posto se profesionaliza nesta senlleira entidade, o que demostra a aposta polo crecemento dun dos símbolos máis importantes da nosa cultura.

Falamos co Manuel Vilar sobre o MPG.

  • QPC: Que supón para Manolo Vilar afrontar un reto como o de dirixir un dos Museos máis importantes do país?

Dirixir o Museo do Pobo Galego (MPG) supón unha enorme alegría porque é un museo co que estou identificado desde case a súa fundación, pero tamén é unha enorme responsabilidade porque é unha das imaxes de Galicia, algo co que se identifican moitos galegos e galegas. Ademais, nos seus corenta anos o MPG só tivo dous directores: Antonio Fraguas, a quen este ano está dedicado o Día das Letras, e Carlos García Martínez, que fixeron o seu traballo de xeito altruísta. Continuar o seu labor é todo un reto.

  • QPC: En todo caso, algún representante costeiro no Padroado, como Xosé María Lema Suárez, ratifican o teu nomeamento sinalando que, sen dúbida, es unha das persoas que mellor coñece cada recuncho do Museo do Pobo Galego. Cantos anos levas vencellado a esta institución e porque partes pasaches?

Primeiro convén aclarar que o MPG é unha institución privada, pero con vocación de servizo público. Non é unha institución pública, non depende de ningunha administración. Digo isto porque moita xente pensa que somos “un museo máis da Xunta”. Non. Todos os galegos e galegas poden formar parte do MPG facéndose socios ou socias por unha cativa cota anual. Eu fíxenme socio cando me asentei definitivamente en Compostela hai xa 25 anos, pero a miña relación co Museo vén xa dos meus tempos de estudante.

Os socios e socias teñen representación no Padroado e no Consello de Goberno. Ao longo destes anos dei todos eses pasos. Desde hai uns anos son membro do Padroado e fun nomeado secretario no 2012, pero tiven que dimitir por cuestións de traballo, xa que me destinaron dous anos a Monforte de Lemos e facíaseme moi difícil compaxinar as dúas cousas.

No Museo colaborei na montaxe e comisariado de varias exposicións, como a Antonio Fraguas no 2006 ou a de Domingos de Andrade no 2012, son membro do consello de edición da revista Adra, e teño participado noutras actividades que se me pida, desde dar charlas, participar en congresos, presentacións, etc. Como representante do Museo teño participado en actos en Irlanda ou Holanda, Verín ou Lugo, por exemplo.

Con respecto á outra parte da pregunta direi que o coñecemento é fundamental para sermos persoas. O coñecemento danos seguridade e felicidade. Unha das cousas que máis me gusta é compartir os meus coñecementos coa xente. Fágoo cando guío visitas pola Costa da Morte ou por outros lados, como pode ser a Ribeira Sacra ou Cornualles, e fágoo tamén cando teño a oportunidade de guiar visitas polo MPG. Fíxeno por exemplo coa xente do Instituto de Estudos Bergantiñás. Coñecer as “interioridades” do Museo permíteme gozar cando teño que explicarllo a alguén. Agora agardo que ese coñecemento me permita levalo a bo porto, gozar nesa travesía e compartir ese gozo con todos e todas.

Manuel Vilar Explicandolle a historia do Museo do Pobo Galego a unha visita do Instituto de Estudos de Bergantinos
Manuel Vilar explicándolle a historia do Museo do Pobo Galego a unha visita do Instituto de Estudos de Bergantiños

  • QPC: Por que o Museo do Pobo Galego é un tesouro tan importante para o país?

Unha sociedade non existe como tal sen a memoria social, colectiva ou como lle queiramos chamar. Se somos algo é porque temos memoria, como persoas e como sociedade. O Museo do Pobo Galego é un referente desa memoria, do que fomos, do que somos e, especialmente, do que queremos ser. O museo, como institución cultural, é propia da modernidade, nace co concepto de cidadanía. O MPG é unha mostra de memoria de nós como cidadáns de Galicia.

  • QPC: Que liñas estratéxicas vas asumir dende a Dirección?

Demostrar que é un Museo útil para a sociedade de hoxe, que é un museo de toda Galicia, non só un museo de Santiago. Si, está situado en Compostela, pero é un museo de toda Galicia. Neste sentido pretendo que a sociedade o perciba como un museo de seu, polo que buscarei unha maior comunicación coa xente.
Por outro lado actualizar e enriquecer o seu discurso museográfico.

  • QPC: Que necesita o Museo do Pobo Galego para ter a consideración e a incidencia que realmente merece?

Precisa do apoio de toda a sociedade galega. É un museo de e para a sociedade. Se a sociedade non o percibe como algo propio todo o que se faga non valerá para nada. Todos podemos contribuír dalgún xeito, para empezar, visitándoo.  

  • QPC: É suficiente o apoio institucional que recibe a día de hoxe? 

Sempre podería ser máis, pero tamén menos. O apoio institucional é un reflexo da sociedade. Si a sociedade apoia as institucións seguro que van apoiar.

De todos xeitos que os apoios tanto da Xunta como doutras institucións, concello de Santiago de Compostela, Deputacións da Coruña ou Lugo por exemplo, melloraron nos últimos tempos.

 

  • QPC: Como membro tamén do Padroado da directiva do SEMESCOM, que importancia ten tamén esta entidade para a Costa da Morte? Que lle falta para ter a repercusión que merece?

O traballo do SEMESCOM é importante. Quizais agora non teña a visibilidade merecida, pero puxo nun primeiro plano unha chamada de atención sobre o valor do patrimonio. Aí están os nosos traballos sobre os faros, o megalitismo, o románico, as romarías, etc. Sen estes traballos de visibilización seguro que non existirían algúns acontecementos que hoxe teñen éxito e son amplamente recoñecibles e atraíntes, ou algúns concellos non prestarían atención a estes aspecto relacionados co patrimonio (andainas, visitas, sinalización, etc.), outros seguen asfaltando e poñendo farois. Penso que unha parte do noso traballo xa foi asumido por algúns concellos. Velaí o noso éxito. Agora tocaríanos afondar noutros aspectos, xerar máis coñecemento. Pero ese é un traballo máis silencioso e pousado.

 

Manuel Vilar nunha festa de QPCNovas relacionadas

Artigos de Manuel Vular enb QPC

 

Comentarios