María do Carme Kruckenberg, muller do maio na Galería Mulleres


Este maio, a Galería Mulleres de Muxía outorga a súa homenaxe a María do Carme Kruckenberg. Esta poeta viguesa nacida no 1926 é unha muller de grande formación intelectual da que en grande parte é ela mesma responsáble pois , por causa da guerra europea pecha o colexio no que estudaba e continúa formándose de xeito autodidacta.
É unha muller transgresora, cunha grande curiosidade por saber, o que a leva a entrar sen reparos nas tertulias que facían só os homes, tanto en Vigo coma no Café Gijón, en Madrid.
Vive en Bos Aires catro anos. No Río da Prata coñece a elite dos escritores arxentinos e de moitos mais países de América, refuxiados políticos, así como a galegos e españois que están na mesma situación. Alí coñeceu a Castelao. Amiga de Rafael Alberti e Mª Teresa León, na casa deles coñece a Miguel Ángel Asturias, Gloria Alcorta, e Jorge Luis Borges entre outros moitos intelectuais...
Profesionalmente é autora de contos e traductora. Así mesmo, ten escrito máis de 200 artigos en revistas e diarios.
Recentemente publicouse “Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Krukenberg” da autora Mercedes Queixas . En palabras de M.Queixas “(Krukenberg)É unha poeta vocacional que escribe sen parar dende a adolescencia(…) Carme vive por e para a escrita (…) Gustoume o seu carácter transgresor, a firmeza coa que acometía os seus actos e o coñecemento da razón das súas accións. Tomou decisións sempre na procura da liberdade”
"Da casa onde nacín", de Maria do Carme Kruckenberg
Da casa onde nacín case non teño recordos.
Lémbrome só da música dun gramófono
e posiblemente dun gato marrulleiro
que pasaba polas habitacións
como unha sombra de película.
Tamén un pintor estranxeiro
que debuxaba o meu pai
calado e ríxido na butaca Luís XV.
Eu soa, percorrendo as estancias
e os pasillos, na miña permanente
ensoñación das cousas.
Daquela casa o que teño inmutable
nos meus ollos, é o mar.
Calquer balcón daba ó mar.
O mar case entraba polo portal
e subía poas escaleiras.
Os barcos no medio da ría,
parados, soportaban a lonxanía.
E cando tiña seis anos
arrincáronme da mar
e das ondas luminosas do verán.
Xa nunca máis o tiven
ó pé do meu mirar.
Dende entón o cemento
invade o meu entorno
e cega o meu espírito de luz.
Foi naquela ou na outra casa,
non o sei, onde perdín o infinito.
Máis información
- Biblioteca Virtual GAlega: Mª do Carme Kruckenberg.
- AELG: Kruckenberg, María do Carme.
Galería Mulleres
- Abril 2011: A Galería Mulleres viaxa ata Alemaña para coñecer á pintora alemá Käthe Kollwitz.
- Marzo 2011: A fisterrá Celia Rivas protagoniza o marzal da Galería Mulleres de Muxía.
- Febreiro 2011: Xohana Torres, a muller de febreiro na Galería Mulleres de Muxía.
- Xaneiro 2011: Xaneiro é o mes de Luz Darriba na Galería Mulleres de Muxía.
- Decembro 2010: A pensadora María Zambrano, a protagonista do Novembro da Galería Mulleres.
- Outubro 2010: Marilar Aleixandre protagoniza o outubro da Galería Mulleres.
- Setembro 2010: Coñecendo á actriz María Casares coa Galería Mulleres.
- Agosto 2010: A actriz e escritora Paula Carballeira protagoniza o agosto da Galería Mulleres.
- Xullo 2010: A transgresora pintora Maruja Mallo protagoniza o xullo da Galería Mulleres de Muxía.
- Xuño 2010: A escritora e pioneira feminista María Xosé Queizán protagoniza o xuño da Galería Mulleres.
- Maio 2010: Muxía dedica o maio da Galería Mulleres a Rosalía de Castro.
- Abril 2010: A primeira muller membro da RAG protagoniza o mes de abril da "Galería Mulleres" de Muxía.
- Marzo 2010: María Lado estrea a Galería Mulleres do Concello de Muxía.