Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Muxía coñece os Mosteiros

Muxía coñece os Mosteiros
Xornadas de Mosteiros en Muxía

Durante a ponte da Constitución, o Concello de Muxía no marco do Programa de Nadal, vai desenvolver dúas visitas aos mosteiros que se atopan en terras muxiás, para contribuír así á divulgación deste importantísimo patrimonio co que conta o municipio.

As visitas estarán acompañadas por expertos que mostrarán ao público participante os elementos dos dous conxuntos, o de San Martiño de Ozón e mais o de Moraime, que volverá guiar Manuel VIlar

Visita a San Martiño de Ozón

Comezarán estas xornadas o xoves, 6 de decembro, ás 11:00 horas (as persoas que desexen participar deben estar no mosteiro a esa hora) coa visita ao mosteiro de San Martiño de Ozón. Alí presentará o seu libro Mosteiro de San Martiño de Ozón, o que foi párroco e viviu nas dependencias do mosteiro bieito, Ricardo Bello Mato, que estará acompañado neste acto polo escritor Xan Fernández Carrera , grande coñecedor do patrimonio muxián.

A continuación os dous farán unha visita guiada para que os asistentes poidan coñecer os restos do antigo mosteiro, actualmente reconvertido en albergue polos membros da cooperativa Aurora de los Caminos que tamén realizan actividades culturais e de divulgación ecolóxica. Serán eles e elas quen conviden aos asistentes a uns doces logo da visita, na que colaboran co Concello de Muxía para a organización.

Visita a Moraime

A segunda xornada dos mosteiros será o sábado 8 de decembro ao conxunto monumental de Moraime e estará guiada por Manuel Vilar. Se o tempo o permite as persoas que queiran participar reuniranse na porta do Concello ás 11:00 horas e irán camiñando ata Moraime. En caso de mal tempo anularíase a camiñada e os participantes deberán estar ás 12:30 horas en Moraime.
Alí Manuel Vilar fará unha presentación con imaxes, no interior da igrexa, sobre a historia do lugar. Logo fará unha visita guiada aos elementos que compoñen o conxunto monumental, que foi declarado BIC no ano 1972. A continuación o grupo visitará a mámoa e Pedra da Forca situadas no alto da Carrúa.

Recuperando e divulgando o patrimonio

O obxecto das actividades, ademáis da divulgación da importancia dos dous lugares, é destacar a importancia dos mosteiros como elementos fundamentais do patrimonio muxián, e reclamar atención sobre a urxente necesidade de actuación por parte das administracións para a posta en valor sobre todo de Moraime , que precisa urxentemente restauración das pinturas murais- moi deterioradas- e atención para o proxecto que o Concello de Muxía presentou no ano 2011 tanto á Xunta de Galicia, como ao Goberno de España, para a posta en valor do conxunto monumental.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios