Muxía énchese de orgullo para o Mercado das Rutas do Mar


Fermosa, moi fermosa queda a vila de Muxía como Mercado Mariñeiro de séculos atrás. I é que o orgullo mariñeiro nótase. O propio alcalde recoñece que Muxía “celebra unha cultura da que estamos orgullosos, a cultura mariñeira que cantaron os nosos poetas que é fonte de inspiración para artistas”.
Así a poderemos disfrutar os vindeiros 9 e 10 de agosto, cando se celebre o VIII Mercado das Rutas do Mar Muxía terá lugar os días 9 e 10 de agosto de 2014. Unha viaxe polo tempo por un fermoso mercado mariñeiro, un pobo volcado e unha vila engalanada. Actividades, gastronomía, teatro de rúa, música, pasarrúas, artesanía…
Esta festa na que Muxía celebra as súas raíces mariñeiras, chega en 2014 á súa VIII edición, gañando cada ano en participantes tanto da vila como artesáns que se achegan cos seus produtos, así como en afluencia de público. Para este ano ademais, agárdase un incremento de postos.

Pregoeira e programa
É tradicional que o pregón o faga unha persoa de Muxía, e que teña relación co mundo do mar, tanto dende a literatura (xa pasaron escritores), como dende o seu propio oficio ou tradición familiar (como foi no caso dos patróns maiores, ou de Fernando Carrera).
Neste caso, Julia Haz Barrientos será a que inaugure o Mercado o sábado 9 de agosto ás 12:00h. Unha muller de Muxía dunha familia de ampla tradición mariñeira e que na actualidade preside a Agrupación de Mariscadoras Río Anllóns.
E avanzando no programa, serán varios os grupos que leven as súas músicas tradicionais polas rúas os grupos Peta Forte, Pedras Miúdas, os Xaramiños do Corpiño ou os Fol de Veneno; así como o teatro de Marina e Igor, Os Quinquilláns e o grupo Cremallera. Para achegarvos a unha boa hora, as actividades están preparadas entre as 12:00h e as 14:30h, e as 18:30 e as 22:30, se ben ao mediodía poden aproveitar para xantar nun dos restaurantes da vila da Barca.


Novas relacionadas
- Mercado Rutas do Mar 2010: Un Mercado Mariñeiro feito na casa.
- Mercado Rutas do Mar 2008: O pobo foi a alma do Mercado das Rutas do Mar de Muxía.