Muxía homenaxea a Pazos de Merexo co Premio María Amelia e un libro-disco



Segue recibindo recoñecementos o bo de Pazos de Merexo. Despois do Premio Nordés, estes días o Concello de Muxía facía público o nome do Premio María Amelia 2015 que recaerá precisamente sobre Manuel Pazos, o acordeonista de Merexo que traspasa xeracións.
A nova é doble pois na gala de entrega do galardón, que será o vindeiro 12 de abril, ás 11:30h, no Salón do Voluntariado de Muxía terá lugar o acto de presentación do libro-disco “Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte”, o primeiro, e único, libro que afonda na historia do acodeón diatónico en Galiza. Unha cuidada e rigurosa monografía que publica o Concello de Muxía e a colección Chave Mestra, a iniciativa de aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, acompañada dun Cd sobre Pazos de Merexo, o decano e principal referente desta modalidade de acodeón para as novas xeracións.
O Premio María Amelia é un nomeamento reservado para aquelas persoas que co seu traballo enriquecen e difunden o patrimonio cultural material ou inmaterial de Muxía e de toda a Costa da Morte. Un premio que lembra aquela muller que traspasou fronteiras dende Muxía a través da rede, que nos deixaba no 2009.
A proposta de entregar o Premio a Pazos partíu do propio Concello e foi aprobada por unanimidade polo xurado da mesma, no que, como en cada edición, hai membros de todos os grupos municipais.
Un libro-disco
O libro-disco “Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte”, recolle os periplos vitais e as obras do repertorio de Pazos do Merexo, o último maestro do acordeón diatónico de Galiza. O libro conta con abundante documentación gráfica, e unha cuidada presentación, e se presenta ademais cun Cd no que podemos escoitar en versión orixinal unha selección de gravación inéditas de Pazos do Merexo realizadas no últimos vinte anos polos investigadores Olga Kirk e Pablo Díaz. Ademais inclue unha selección das aparicións de Pazos de Merexo en programas de TVG como Alalá –no que aparece acompañado polo acodeonista Brais Maceiras- ou Luar. Tamén a súa recente colaboración con Kepa Junkera recollida no doble disco Galiza con o que o vasco homenaxeou a música galega.
Xurxo Souto e Pedro Pascual, os dous autores do libro, son profundos coñecedores da dimensión musical de Pazos e do que supón no contexto da Música Popular Galega como un referente único e inescusábel para as novas xeración de músicos e afeizoados. Ambos teñen compartido inúmeras horas con Pazos tanto en Merexo como en distintos pontos de Galiza e teñen sido destacados divulgadores entre músicos e público tanto da sua figura como do seu repertório e técnica interpretativa.
Na presentación intervirán os autores Xurxo Souto e Pedro Pascual, o editor e director da colección Chave mestra Ramon Pinheiro e o alcalde de Múxía, Félix Porto. Como feche está prevista a intervención musical de Pazos de Merexo acompañado de xovens e virtuosos acordeonistas de distintos pontos de Galiza.
A presentación do libro-disco, xunto coa entrega do Premio María Amelia 2015, será unha xornada de sincera homenaxe ao maxisterio de Pazos de Merexo da nova xeración de acordeonistas que siguen o seu ronsel. Novos interpretes de acordeón diatónico de distintos pontos de Galicia como Vigo, Coruña, Compostela ou Bergantiños se achegarán a Muxía para compartir este día grande co protagonista do libro.
”Chave Mestra” é unha colección de libro-disco de aCentral Folque que afonda no coñecimento de personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego. Artistas que destacaron e ofreceron a súa personalidade, bon facer e axudaron a transmitir un coñecemento esencial do presente cultural galego. Gaiteiros, zanfoneiros, violonistas, narradores, acordeonistas... Aquí comeza unha serie de publicacións para rescatar, descubrir e divulgar, figuras indispensabeis da cultura tradicional galega. Libros de alta calidade con fotos inéditas, ensaio histórico e musical, transcrición de partituras e CDs con gravacións orixinais e inéditas en cada unha das publicacións.
Artigos relacionados
- Viki Rivadulla: Pazos de Merexo.
- Xurxo Souto: Pazos de Merexo, o mestre do acordeón diatónico da Costa da Morte.
Novas relacionadas
- A Costa da Morte rende homenaxe a Pazos de Merexo nos Premios Nordés.
- Os premios do 15º aniversario da Nordés.
- “Pazos de Merexo debería de ser patrimonio da UNESCO”.
- Día de emocións e sorpresas con Kepa Junkera e Pazos de Merexo.
- Duelo de acordeóns interxeracionais en Muxía.
- Máxica noite con Kepa Junkera e Pazos de Merexo no Couto.
- Marcos Rodríguez asegura podio na Copa do Mundo de Fotografía.
Máis novas
- Premio María Amelia 2013: Un pirata e un corvo recibirán o Premio María Amelia 2013.
- Premio María Amelia 2012: Aurelio González Fernández recibe o Premio María Amelia 2012.
- Premio María Amelia 2010: Xan Fernández Carrera galardoado co Premio Maria Amelia 2010.
- 20-05-10: Un ano sen María Amelia.
- 21-05-09: Ata sempre María Amelia.
- 27-03-09: María Amelia descobre o vídeo chat.
- 09-05-08: Entrevista con María Amelia: ”Son socialista desde os 16 anos”.
- 19-11-07: María Amelia gaña o premio Bobs ao “Mejor Blog de habla hispana”.
- 02-09-07: 1ª entrevista: María Amelia fala por internet.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).