Muxía sembra libros
Fermosa iniativa a que vén de poñer en marcha en Muxía Alejandra Pedroza Salinas. Esta antropóloga colombiana leva varios anos afincada na vila muxiá, e se lanza a compartir cultura na Costa da Morte achegando a iniciativa "Sembra libros" ou Bookcrossing á vila da Barca.
Unha proposta, a do Bookcrossing que xa tivo o seu espazo no Castelo de Vimianzo aló polo 2008. Unha idea global, mundial, que veñen realizando persoas e colectivos co obxectivo de poñer en circulación en espazos públicos libros para que os veciños poidan usalos libremente. Unha liberación de libros, recuperalos das telas de araña das estanterías para compartilos, para fomentar a lectura, unha aposta moi en sintonía coa idea do Departamento de Cultura do Concello de Muxía que dirixe Viki Rivadulla.
A intención é que todo o mundo participe, dende os máis pequenos ata os maiores da vila. E para iso, a primeira acción será durante a fin de semana do 21 e 22 de marzo. O venres 21 toca no Cabo da Vila, en pleno mercado; e o sábado o "árbol dos libros" trasladarase a zona do porto.
Aporta así o seu grao de area á cultura muxiá esta muller, que se trasladou ata a Costa da Morte como outros moitos estranxeiros: viu de vacacións e decidiu mudar. Agora estudia a cultura galega dende dentro.