Muxía reforza a súa programación deportiva de verán
O Concello de Muxía presenta a súa programación deportiva para o verán 2026.
Entre as principais novidades deste ano destaca o aumento do tempo do curso de natación en augas abertas, que pasa de ter unha duración de un mes a dous meses, permitindo así unha formación máis completa e progresiva para os participantes.
Do mesmo xeito, increméntanse as prazas en varias das actividades con maior demanda. O curso de deportes de aventura en Manzaneda duplica a súa capacidade, pasando de 25 a 50 prazas, ao igual que a saída ao Galipark, que aumenta de 20 a 40 prazas. Este reforzo responde á alta participación rexistrada en edicións anteriores.
A programación complétase con outras propostas xa consolidadas como o campus multideportivo e medioambiental, o curso de surf na praia de Nemiña, o curso de natación en augas abertas na praia da Cruz, a saída ao Aquapark de Cerceda ou a tradicional carreira pedestre, entre outras iniciativas dirixidas a diferentes franxas de idade.

Toda a información detallada sobre datas, horarios, destinatarios e inscricións pode consultarse no cartel oficial da programación, estando a maioría das inscricións abertas no ximnasio municipal dentro dos prazos establecidos.