Novas queixas contra os paneis informativos das pedras da Barca
Unha vez pasada a alarma inicial pola instalación duns paneis informativos no medio e medio das pedras da Barca, non deixan de caer as críticas, ante o impacto destas pezas nunha zona tremendamente especial.
Por exemplo, Viki Rivadulla, a artista muxiá, critica de xeito cru a intervención:
O BNG de Muxía pide un proxecto de recuperación para toda a contorna da Barca
Tamén o BNG de Muxía vén de presentar unha moción no Pleno da Corporación celebrado o xoves 21 de novembro na que pide un proxecto de recuperación da contorna da Barca. Na iniciativa, que foi aprobada por todos os grupos excepto a abstención do PSOE, solicita “que se retiren á maior brevidade os elementos de sinalización recentemente colocados no entorno da Pedra d’Abalar, do Faro da Barca e doutros lugares singulares do contorna, non só as partes superficiais suxeitas con barras e cadeados, dos que se di que se poden retirar no outono, senón tamén os soportes de ferro fixados con bulóns ás pedras”. Os nacionalistas queren que se restitúa a integridade das pedras co obxectivo de minimizar os danos causados durante a instalación das pezas de sinalización, e instan ao goberno municipal “a iniciar canto antes xestións coas institucións públicas para financiar un proxecto, non de ‘mellora’ do entorno da Barca, senón de restitución e reparación deste espazo”.
Desde o BNG apuntaron a actuar retirando a placa de formigón armado de 70 metros cadrados sobre a Pel, reducindo o actual tamaño do formigonado do miradoiro e a recuperar as laxas, tal e como está recollido no proxecto consensuado pola Corporación en 2018. Ademais, consideran que sería desexable estudar as interferencias do monólito da Ferida co Santuario e sobre outras pedras milenarias como a de Abalar, e se o seu emprazamento é o mais axeitado.
A formación frentista subliñou que “se procure ante todo o consenso en calquera proxecto que pretenda actuar sobre este espazo no futuro, para evitar actuacións unilaterais e de parte como as que se produciron”.