Sábado. 27.04.2024
El tiempo

A política do medo, a tensión e os vetos para formar goberno poñen en perigo unha investidura alternativa en Muxía

pintadas politicas muxia
Algunhas das pintadas aparecidas estes días por Muxía
A política do medo, a tensión e os vetos para formar goberno poñen en perigo unha investidura alternativa en Muxía

Cada hora conta no proceso de negociación entre os partidos muxiáns na procura dunha investidura alternativa a Iago Toba (PSOE). O grupo do PP (3 concelleiros conseguidos nos comicios), Independentes por Muxía (2 edis) e BNG (1), continúan botándose as culpas e  lembrando os vetos comúns para non acordar un pacto que permita pasar páxina a esta convulsa lexislatura.

4 anos de perda de investimentos, e sobre todo dunha tensión política que foi irresponsablemente trasladada á cidadanía (non hai máis que ver as pintadas destes días, ou as arengas públicas nas redes sociais de afíns do alcalde para acodir, espadas en man, ao pleno de mañá...) por parte dos políticos.

Os pasos a un lado, por diferentes motivos dos candidatos de PP e BNG, ofrecían unha porta aberta para o pacto, cando menos de investidura. Pero a falta dunhas horas do pleno deste sábado 17 de xuño de 2023, ás 12:00h, as posicións seguen enfrontadas.

O PP cédelle a alcaldía ao BNG, pero o BNG non acepta formar goberno co PP, que ademais pediría "ter o peso político que se merece polos resultados" no goberno entrante.

A alternativa máis viable é de Sar, pero nin PP nin BNG parecen dispostos a facelo viable. Sobre o PP segue pesando sombra de Félix Porto e mesmo prefire un goberno comandado polo BNG. Ademais o BNG mantén a estas horas e por imperativo dende a Nacional, que só votará a favor de Sar se ten a confirmación de o PP non entrará no goberno, aínda que a propia Mercé Barrientos non forme parte do mesmo.

IxMuxía

Este é o comunicado de última hora dos independentes:

Dende Independentes por Muxía (IxM), e debido ás recentes informacións publicadas en medios locais, vémonos na obriga de informar do estado das negociacións cos demais partidos. IxM mantivo reunións co BNG, manifestando este a súa disposición para apoiar, co seu voto, ó candidato Javier Sar, sempre e cando o PP non entrase no goberno municipal.

Na mesma liña, mantivéronse conversas co PP quen, alegando ser a segunda forza máis votada, manifestaron a súa intención de chegar á alcaldía, advertindo ademáis, que nunca favorecerían un goberno presidido por Independentes por Muxía. As liñas vermellas expresadas por ambos partidos dificultaron, ata o de agora, acadar algún tipo de acordo. Independentes por Muxía sempre aspirou a ser unha opción de goberno e, nesa liña, adoptou dende o primeiro momento unha postura conciliadora co obxectivo de poder chegar a un acordo. Javier Sar, cabeza de lista de IxM, manifestou ante os medios, ó remate das eleccións, a determinación de postularse á alcaldía do Concello de Muxía.

As tres forzas políticas, PP, BNG e IxM, coinciden nos aspectos máis importantes do que debería ser a acción de goberno para a mellora da situación actual do Concello.

Por iso, deberían ser estas coincidencias as que movesen a acción dos tres partidos para acordar a formación dun goberno alternativo, xa que, mil setecentos cincuenta e seis votos, que representan o 56% dos votantes, reclaman un novo goberno municipal, onde as necesidades dos veciños ocupen o primeiro e inequívoco lugar.

Para rematar, dende IxM agradecemos o tempo dedicado por ambas formacións, PP e BNG, para tentar achegar posturas, e facemos unha chamada á coherencia e á cordura destas forzas políticas que estiveron na oposición no anterior mandato, animándoos a dar un último paso para lograr un acordo que permita abrir un novo período de traballo en consenso, con sentido común e, sobre todo, máximo respecto.

BNG

Así explica o BNG a súa postura neste comunicado:

O BNG aclarou a estes dous grupos que a nosa prioridade sería establecer un goberno alternativo ao de Iago Toba, se ben, temos a obriga de cumprir os acordos do Consello Nacional do BNG, é dicir: non favorecer por acción nin por omisión a conformación de gobernos do PP.
O grupo IxM explicou que a súa postura era esixir a alcaldía. Na mesma reunión foi informado de que contaría co apoio do BNG sempre que acadara os apoios necesarios do PP sen que este partido entrase no goberno municipal. Para o que o BNG estaba disposto a, reciprocamente, prestar o seu apoio a IxM sen entrar tampouco a co-gobernar.
Na reunión co PP, este partido, que tamén se mostrou partidario de conformar un goberno alternativo a Iago Toba, expuxo a súa preferencia para dar o apoio ao BNG xa que non aceptaría unha alcaldía de IxM.
Reiteramos a imposibilidade de co-gobernar co PP polo imperativo de cumprir os acordos do Consello Nacional e da propia asemblea local. Tras someter a cuestión a consulta das súas bases, a resposta definitiva foi que neste momento o PP está na posición de esixir a alcaldía para negociar.
A asemblea local do BNG, ante esta situación, e sendo a nosa prioridade a non continuidade do goberno actual, ofrece a súa disposición a apoiar un pacto de investidura de IxM coa condición de que se respecte a non inclusión do PP no goberno. No caso de que se rexeite esta proposta, o BNG votarase a si mesmo no pleno de investidura.

Veremos que acontece en apenas unhas horas.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios