Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Os cambios no PP e no BNG provocan un cambio no escenario político muxián a 3 días da investidura

Merce Barrientos Carlos Concheiro BNG Sandra Vilela PP MUxia
Mercé Barrientos e Carlos Concheiro, do BNG, e Sandra Vilela, do PP muxián
Os cambios no PP e no BNG provocan un cambio no escenario político muxián a 3 días da investidura

Cambio completo no escenario político muxián a apenas 3 días dun incerto pleno de investidura (formulado para o sábado 17). Tras unha lexislatura tremendamente complicada comandada polo alcalde socialista Iago Toba, dous dos tres partidos que negocian unha posible investidura alternativa, cambian os seus candidatos.

É o caso do BNG e PP onde Carlos Concheiro e Sandra Vilela saen da primeira liña local.

PP

A renovación obrigada causada polas listas do PP para Congreso e Senado de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo, tocou tamén a Muxía. A candidata Sandra Vilela recibía onte a nova de que vai ocupar un posto de deputada no Parlamento Galego. A marcha de Ovidio Rodeiro como alcalde de Boqueixón deixa un posto que ocupará a muxiá.

En calquera caso, o posto como deputada non é incompatible co de voceira do PP local nin co de Concelleira. Si o sería no caso de ser alcaldesa. Deste xeito, Vilela ten claro que non deixará a súa acta. "Tomo este paso como unha experiencia porque é un orgullo, a verdade é que estou moi contenta e é unha cousa bonita de vivir. Pero as miñas aspiracións políticas están en Muxía. Así o teño claro e dende esa faceta, o tempo que dure, seguirei traballando por Muxía", sinala Vilela. 

O escenario cambia, porque o PP xa propuxo á alcaldía ao BNG, pero formando o goberno co PP, e ata o de agora, o BNG de Concheiro rechazouno. "Teño claro que o PP segue sendo a forza máis votada dos 3 (PP suma 3 concelleiros, por 2 de Independentes e 1 do BN) e iso ten que ter consecuencias no peso político dun goberno alternativo, no que o PP ten que estar si ou si". Destaca que "o PP está disposto a falar", e albisca, con esperanza de poder acabar cunha solución positiva, uns días de reunións importantes. Matiza, iso si,  que "as aspiracións do PP local non ten ver con asuntos económicos, trátase de peso político".

BNG

Problemas persoais, nomeadamente o mal estado de saúde dun familiar, obrigan neste momento tan singular, a Carlos Concheiro a deixar a primeira liña da vida política municipal. Concheiro, co que falabamos uns días antes dos comicios, sinala que ante a complicada lexislatura que se nos ven por diante, “cada voto no pleno vai contar, e eu non podo depender se podo ir ou non a todos os plenos. En calquera caso, insiste no compromiso da Asemblea local de manter as liñas vermellas marcadas de non pactar con Toba, e non darlle ao poder á dereita, ao PP.

Unhas liñas que recoñece o seu relevo, Mercé Barrientos. A nº2 da candidatura asume, ás marchas forzadas, o seu novo papel, pero destaca o seu papel consensuador. “Fun deportista, e mesmo presidenta dunha federación dun deporte de loita, pero aquí non se trata de batirse, trátase de artellar consenso para chegar ao “ben común”, unha palabra que me parece fundamental”, explica.

Sobre a complicada tesitura que teñen os 3 partidos (o BNG non quere investir ao PP, e o PP non quere investir a Independentes tendo en conta que son a forza máis votada dos 3), Barrientos teno claro: “Ábrese un novo escenario, e aquí facemos encaixe, e cousas máis complicadas temos feito. Abriremos novas negociacións con todos, pois non temos negociacións pechadas ninguén”, explica Barrientos

 

 

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios