Un refuxio para os taxistas de Muxía


A Deputación da Coruña aprobou onte en sesión plenaria dous convenios de colaboración co Concello de Muxía por valor de máis de 32.000 euros.
O primeiro destes acordos ten coma fin a colaboración provincial no acondicionamento de camiños municipais en diferentes puntos do Concello de Muxía. Estas actuacións contan cunha achega provincial de 25.738,14 euros, unha cifra que supón o 100% do total da actuación.
Ademais, en Vilachán e Agrazón levaranse a cabo actuacións de limpeza e desbroce. Con este acondicionamento, conseguirase un maior ancho da calzada. Tamén renovaranse os pavimentos a base de lousas de formigón.
Mentres, en Buitirón as melloras incluirán reforzo da pista de concentración parcelaria que dá acceso á explotación agrícola, así como a roza da maleza e limpeza das vías.
No caso das actuacións en Muxía suporán a reparación das zonas danadas da rúa Saúde e a substitución do pavimento.
En canto ao segundo convenio, o obxectivo é colaborar nas obras do refuxio de taxis da Casa do Concello. Unha vez asinado o acordo aprobado onte, procederase ao peche parcial do soportal do edificio consistorial de forma que os taxistas dispoñan dunha estancia con protección suficiente ante as inclemencias metereolóxicas. Para iso, colocaranse elementos de carpitenría en PVC respectando as formas xa existentes na fachada.
Estas obras terán unha achega provincial de 6.678,58 euros, que suporán o 98% do investimento total.
Novas relacionadas
Fonte
- Deputación.