Xan Fernández Carrera lévanos de ruta dende Touriñán ata Vaosilveiro


O vindeiro sábado 9 de xullo, un grupo de persoas acompañadas pola Concelleira de Cultura, Dna. Amparo Baña, sairá a camiñar dende Touriñán ata Vaosilveiro. Esta é unha das rutas que o Concello de Muxía organiza no marco do programa cultura de verán. Recentemente fíxose a ruta de Fisterra a Muxía, polo Camiño Xacobeo e no mes de agosto farase un roteio circular que sairá do Lago pasando por Leis e A O e rematará de novo no Lago, este roteiro está deseñado e será guiado por Xan Fernández Carrera.
En canto ao roteiro de este sábado, o que irá de Cabo Touriñán a Vaosilveiro tamén estará guiado polo escritor Xan Fernández Carrera, que leva moitos anos traballando na difusión do patrimonio muxián.
O grupo sairá en autobús, de Muxía ás 9.30 horas ata Cabo Touriñán. Alí farán unha primeira parada para visitar a punta máis occidental de Galicia. A partir daí comezarán a ruta a pé pasando polo lugar de Campos, un pequeño conxunto de arquitectura rural, o Miradoiro de Fonte Espiñeiro, na aba do Facho de Touriñán, pasando logo a Nemiña, onde visitarán a igrexa de San Cristovo, do século XIII. A quinta parada será a praia de Nemiña e a fermosa desembocadura do Río Castro onde viven numerosas aves: gaivotas, garzas…e o remate da ruta será a chegada a Vaosilveiro onde poderán ver a tan reclamada e necesaria ponte, de recente construción, e o contorno que inspirou a novela “Vaosilveiro” publicada en 1925 polo escritor muxián, Gonzalo López Abente.
Inscrición
O prazo para anotarse a esta ruta aínda está aberto ata o venres , a inscrición farase no Concello ou chamando ao 981 742 001.
Títeres
Ademais, o Concello informa de que o venres 8 de xullo ás 21:00h, o Cabo da Vila acollerá a obra das Andanzas do Duede Sico.
Novas relacionadas
- Un verán con cultura, festas e moito deporte en Muxía.
- Moraime xa pensa na Romaría de San Roque.
- O congro mantense vivo ao solpor muxián.
- Xan Fernández Carrera galardoado co Premio Maria Amelia 2010.