O xermano-muxián Detlef Kappeler expón en Ribeira
Hoxe venres día 13 de maio ás 20:30 o Museo do Gravado de Artes, Ribeira, inaugura unha mostra de gravado do artista alemán Detlef Kappeler (Stettin, 1938), afincado en Muxía dende o 2004. O evento será aberto e o artista estará presente para esta primeira toma de contacto coas súas pezas, todas elas das súas etapas anteriores a Galicia.
Nesta exposición Kappeler retoma a faceta como gravador con pezas tomadas de varios dos seus máis importantes ciclos dende os anos 60 ata finais dos 90. A mostra, comisariada por Xoán Pastor Rodríguez Santamaría e por Nuria Kolb, poderá ser visitada ata finais do mes de xuño.
Un autor que continúa marcado pola violencia extrema que viviu nos seus primeiros anos de vida canda a guerra. Xa nos anos 60-70 participa nos movementos pacifistas estudiantís, sempre coa conciencia social formando parte intrínseca da súa obra.