Sábado. 20.04.2024
El tiempo

#DestaVai! O Calvo Xiria buscará na casa o ascenso á División de Honra Prata por sétima vez en 10 anos

Juanka Rodríguez, xogador e María Fresco (Depto. Comunicación Federacion Galega)
Juanka Rodríguez, xogador do Xiria, respondendo ás preguntas de María Fresco, do Depto. Comunicación Federacion Galega, que presentou o evento
#DestaVai! O Calvo Xiria buscará na casa o ascenso á División de Honra Prata por sétima vez en 10 anos

Non falla o Calvo Xiria nos últimos anos á súa cita ca Fase de Ascenso. Esta será a sétima dende 2011, quedando ata 6 veces ás portas do soñado ascenso. Primeiro en Segovia en 2011; despois en Ciudad Real en 2014, en Carballo en 2016, en Lanzarote en 2017, en Santoña en 2018 e hai 2 anos en Avilés.

Pero esta fin de semana ten que ser, e vai ser na casa, pois a fase de ascenso á División de Honra Prata Masculina vai celebrarse os días 4, 5 e 6 de xuño en Carballo. A marea verde terá que superar aos BM Maracena la Esquinita de Javi, Levante Marni e Handbol Sant Quirze.

Así o debullaron na presentación oficial organizada na sede da Deputación da Coruña, en presencia do presidente provincial, Valentín González Formoso; o vicepresidente da Deputación, Xose Regueira; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; entre outras autoridades, ademais da plantilla do Calvo Xiria co seu corpo técnico ao fronte.

Dende a Deputación quixeron destacar "o traballo desde as categorías base" e o "amplo apoio social" co que conta o equipo carballés, con máis de 200 deportistas federados e preto de medio millar de socios.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, que naceu balonmanísticamente no Xiria, agradeceu o apoio da Deputación e fixo un repaso pola evolución do Xiria nestes trinta anos, tanto deportivo como estrutural e cunha aposta clara pola canteira e recordou que “ os gañadores no mundo do deporte no son os que nunca fracasan, senón os que nunca desisten”.

Tamén falou en clave histórica o alcalde carballés, lembrando o nacemento de Escolas Deportivas hai case 40 anos e a implantación do balonmán en Carballo, “é o deporte que máis éxitos ten aportado ao noso concello, o deporte e que máis xogadores aportou ás máximas categorías o deporte que tanto nos fai desfrutar e ás veces sufrir”.

O vicepresidente de Escolas Deportivas Xiria, José Antonio Rodríguez, comezou agradecendo a colaboración de todas as administracións e da Federación Galega para facer posible este evento e asegurou que “isto é posible grazas a implicación de todas e todos os que conforman o club”.

Novas relacionadas

Comentarios