Unai Larrañaga, o dumbriés que triunfa na elite do volei mundial

Apenas ten 22 anos pero xa está tocando a cima do deporte profesional. Unai Larrañaga Ledo é todo un exemplo para as novas xeracións de deportistas costeiros, tanto do volei como doutros deportes. Vímolo crecer dende aquelas crónicas co infantil do Manuela Rial, os cadetes do Volei Dumbría, as súas primeiras convocatorias coa Selección Galega, ata ir asentándose na Vermella.
Pero a súa ascensión meteórica deu un salto espectacular este verán. Despois dunha excepcional temporada co Textil Santanderina, co que conseguiu a Copa Príncipe e o ascenso á Superliga.
A boa temporada do líbero dumbriés abriulle as portas da Selección. E todo fluíu. E iso que en teoría ía ser o segundo, pero un problema do teórico titular obrigoulle a tomar responsabilidades pouco habituais para un rapaz de 22 anos.

Cos coñecidos como RedLynxes, Unai vén de conseguir un verán implacable, “moito mellor que esperábamos”, recoñece o pai, Gurutz, que foi o seu formador durante boa parte da súa etapa costeira. Un verán duro, cansado, cun palizón de viaxes, vivindo todas as caras do deporte de elite.
Primeiro disputou a Golden European Ligue (liga que se celebra todos os anos e no que España compite na 2ª de 3 categorías), conseguindo o título de Mellor Receptor do torneo.
De contado, desprazouse a Orán (Arxelia), onde foron recibidos como auténticos ídolos para disputar os Xogos do Mediterráneo. Despois dunha espectacular xornada de inauguración que nada ten que envexar a dos Xogos Olímpicos, Unai acadou a Medalla de Prata coa Vermella.
E sen tempo a descansar, tocoulles disputar o PreEuropeo, co que conseguiron o seu pase para os Campionatos de Europa do 2023 sen coñecer a derrota. Alí espera seguir contando para un adestrador co que están moi contentos, e o lóxico é que o seu rendemento se vexa reflectivo con máis convocatorias e máis confianza.

Pola Superliga
Hoxe mesmo volve a casa, para disfrutar dunha semana de vacacións (a segunda en todo o verán), e para a semana xa vai cara Melilla para facer a pretemporada.
O equipo “africano” quedou campión de Copa e segundo na Liga, polo que este ano sairá a loitar por todo. De feito, o 24 de setembro xa terá o primeiro torneo en liza, a Supercopa.
”Non te acostumes a gañar sempre”, recordaralle esta semana o seu pai.
NOVAS RELACIONADAS
- Maio 21: Unai Larragaña incorpórase á Selección Española de Volei para xogar contra Túnez e na Golden European League.
- Abril 21: O costeiro Unai Larrañaga, convocado coa Selección Nacional de Volei.
- 2017: Unai Larrañaga, anfitrión da Selección Galega de Volei Praia no Ézaro.
- Marzo 2017: O xogador do Volei Dumbría, Unai Larrañaga, convocado pola Federación Española.
- Xullo 2016: Unai Larrañaga leva á Selección Galega ao 5º posto do Campionato Nacional de Volei Praia.
- Abril 15: Unai Larrañaga, ca ca Selección Galega no Campionato de España Cadete.