venres. 17.01.2025
El tiempo

600 espectadores en 5 funcións demostran o poder da programación teatral continua en Ponteceso

Imaxe do auditorio de Pponteceso cheo nun Ciclo de teatro
Imaxe de aquivo do auditorio do Edificio das Escolas Ponteceso cheo nun Ciclo de teatro
600 espectadores en 5 funcións demostran o poder da programación teatral continua en Ponteceso

Falamos sempre da importancia da programación continua para achegar á veciñanza ás actividades culturais. Precisamente sobre este asunto falará Xosé María Varela, alma da FEP, este xoves nun faladoiro en Muxía. E programas como o Ciclo de Teatro de Ponteceso son un exemplo. Apenas é un mes de programa (ben podería estirarse a un outono, por exemplo), pero permite que a veciñanza saiba que durante o mes novembro, os sábados pola noite hai lío no Edificio das Escolas.

Esta XXXI edición volveu ser un éxito. Case 600 espectadores gozaron das cinco representacións programadas, unha cifra que demostra o enorme interese e participación da veciñanza e dos amantes das artes escénicas. Todas as funcións tiveron lugar no Edificio das Escolas ás 22:00 horas e lograron encher o espazo de público, confirmando o interese que esta iniciativa esperta ano tras ano.

Raquel Fondo, concelleira de Cultura, destacou que “o XXXI Ciclo de Teatro non só cumpre co obxectivo de ofrecer espectáculos de gran calidade, senón que tamén serve como un espazo para a reflexión sobre cuestións sociais relevantes, ademais de fomentar o acceso á cultura para todas as persoas.” Fondo tamén quixo salientar o compromiso do Concello coas artes escénicas, reafirmando que este ciclo é unha aposta firme pola promoción cultural e pola creación de espazos de encontro e aprendizaxe para a comunidade.

A programación deste ano contou cunha coidada selección de obras, que abarcou desde clásicos da dramaturxia até pezas que tratan temas de actualidade, pasando pola comedia e os enredos familiares. O departamento de Cultura quere recoñecer o gran traballo realizado polas compañías participantes, que con talento e dedicación lograron cativar ao público en cada representación. Esta edición contou coa colaboración da Deputación da Coruña, cuxa contribución foi fundamental para o desenvolvemento do ciclo. Mentres, o Concello xa pensa na edición do ano que vén.

Máis novas

Comentarios