Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A banda de gaitas Inllar celebra o seu fin de curso cunha saída ó Parque Acuático de Cerceda

A banda de gaitas Inllar celebra o seu fin de curso cunha saída ó Parque Acuático de Cerceda

Tras un longo ano académico de ensinanzas en instrumentos como a gaita, a pandeireta, o tamboriño e o bombo os 38 compoñentes da Banda de gaitas Inllar celebrarán o fin de curso cunha xornada de lecer no Parque Acuático de Cerceda o vindeiro sábado 3 de setembro. O punto de encontro para a saída será o Pombal da Fundación Eduardo Pondal ás 10.30 da mañá. Ás 11.00 porase en marcha o autobús que non regresará ata as 8 da tarde ó mesmo punto de partida.

Esta xornada de descanso é moi merecida posto que o calendario de actuacións da banda Inllar desde o mes de xaneiro ata este de setembro foi tremendamente apertado. Comezaron as actuacións o 5 de xaneiro de 2011 acompañando a cabalgata de Reis de Cabana de Bergantiños e pecharana dentro duns días durante a celebracion dunha nova edición da Festa da Pataca en Coristanco. Este domingo xogarán un importante papel no Roteiro Cívico do XXX Aniversario do Monólito Pondaliano en Ponteceso.

Durante estes meses a música de Inllar visitou os concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Carballo, Arteixo, Coristanco, Zas, Vimianzo, A Laracha, Santa Comba e Fisterra. As localidades que animaron cos seus pasarrúas foron Cabana de Bergantiños, O Couto, Corme Aldea, Carballo, Meicende, Xaviña (Coristanco), A Gándara (Zas), A Rabadeira (Coristanco), Anllóns, Carantoña (Vimianzo), Chamín (Arteixo), A Bugalleira (Ponteceso), Tella, Entrecruces, A Silvarredonda, Neaño, Golmar, Laxe, Santa Mariña de Corcoesto, Baio, Borneiro, Cereixo, Cesullas, a Carballeira de Zas, Santa Comba, Riobó, A Graña, Meicende, Pastoriza, Salto, Malpica de Bergantiños, Canduas, Bamiro, Mallas, Ponteceso e Coristanco.

Participaron en festas, vodas, comuñóns, cabalgatas de reis, obras de teatro, Letras Galegas, feiras medievais, aniversarios, castro animado, encontros de bandas de gaitas, programas de televisión e na Carballeira de Zas. As súas intervencións foron en 7 ocasións o grupo completo (28 compoñentes) e no resto en grupos de 3, 4, 5, 6, 9, 11 ou 25 gaiteiros.

A banda está composta por 38 músicos (11 homes e 27 mulleres) A súa directora musical é a gaiteira Silvana Martínez Cambón.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Asociación Cultural Monte Branco.

Comentarios