Venres. 26.04.2024
El tiempo

Concertos, visitas guiadas e conferencias dan vida ao MAC da Costa da Morte

Concertos, visitas guiadas e conferencias dan vida ao MAC da Costa da Morte

Manter un espazo cultural tan vivo como o están conseguindo estes meses no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte é complicado. Visitas guiadas, conferencias e concertos fan deste lugar, no corazón de Corme, un dos centros da cultura da zona.

Unha de concertos

Espléndido concerto o que ofreceu onte 3 de agosto, o musicólogo, compositor e pianista Luís Díez Antolinos. Un percorrido polas obras menos coñecidas de Chopin, Schumann, Greieg... ata as máis contemporáneas pezas de Monpou, todo iso no marco incomparable da sala de columnas do Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte, habilitado para a ocasión como pequeno auditorio, onde os espectadores gozaron da música coa iluminación natural do lucernario.

O concerto gratuíto, como todos os actos da Fundación Torre-Pujales, tivo un cheo total quedando xente sen poder entrar no aforamento. A depurada técnica de Díez Antolinos e a súa sensibilidade interpretativa, que aprendeu coa prestixiosa pianista e profesora Rosa María Kucharski, cativou aos espectadores de todo tipo de idades, incluídos os nenos de pouca idade.

Visitas guiadas

Ademais, o pasado mércores, 1 de agosto, e como todos os mércores ata o final de verán, houbo visita guiada no Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte, en Corme, para todos os que quixeron asistir ás 7 h. da tarde. Grupos reducidos de non mais de 20 persoas gozaron coas explicacións e as respostas ás súas preguntas da artista Carolina Antolinos. Persoas de distintos puntos atopáronse nesta cita en torno á arte, cormeláns, malpicáns, madrileños, coruñeses, alemáns e franceses... quedando todos sorprendidos polo nivel artístico do Museo, o seu edificio e disposición, que o converten nun espazo artístico, que ben podería situarse en calquera das cidades de máxima vangarda en arte contemporánea.

Estas visitas dos mércores realizaranse durante todo o verán, sendo cada vez guiadas por un artista, crítico de arte, poeta ou experto diferente.

Expertos moi baixiños en Arte Contemporánea

Son as doce da mañá, e o Museo de Arte Contemporánea, Costa da Morte de Corme abre as súas portas, de par en par, para recibir aos máis sensibles e intuitivos visitantes dun Museo. Unha chea de nenos, de 3 a 5 anos, pasan de mans dos seus pais ao espazo aberto e lúdico do Museo a cargo, nesta ocasión, da Licenciada en Belas Artes e experta en técnicas de comunicación infantil, Carolina Antolinos, que é ademais autora dunha das obras que se exhiben na terceira planta do Museo.

Ninguén pode imaxinar a atención, o interese e o ben que o pasaron os pequenos visitantes, sentados polo chan e escoitando e preguntando a Carolina, quitándose a palabra os uns aos outros - como fan os adultos- sobre unha ou outra peza do Museo. Ninguén mais imaxinativo que eles, ninguén ve e xoga cos cadros descubrindo animais, fondos mariños e cheas de detalles que quizá soamente o artista que os creou e eles chegan a ver.

Esta é a primeira visita dos máis pequenos de Corme -o próximo grupo será de 6 a 10 anos-, e até o día 8 repetirase a experiencia pero mantendo dous grupos de idades.

Aberto a todos os públicos

Non só van ser os nenos de Corme os afortunados en ter un Museo enteiro para eles, e poder ir descubríndoo, aos poucos, coa axuda dunha persoa experta neste tema. Quedan convidados todos esta amantes da arte baixiños, algúns mesmo moi baixiños, de toda a Costa da Morte e visitantes desta terra.

Non hai parque temático, nin de atraccións nin ningún outro tipo de xogo que produza, nos pequenos, o impacto que a arte produce na súa natureza creativa. Unha experiencia na súa infancia única, que quererán repetir e que deixase aberta neles a vía da fantasía, a maxia e a creatividade.

A Fundación Torre-Pujales consciente do innovador e atrevido deste proxecto, de abrir de par a par o Museo aos pequenos, buscou unha persoa que reunise o perfil idóneo para acometer esta aventura, este perfil dáse na artista de 23 anos Carolina Antolinos, que está desde os 5 anos metida no mundo da arte, que desde a súa infancia foi atopando a vía que a levou a estudar Belas Artes, na Facultade Complutense de Madrid, licenciatura que compaxina co seu tempo para a creación, e a especialización en Comunicación Infantil, utilizando como linguaxe e fichas de xogo, o máis avanzado da arte contemporáneo.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios