Esixen responsabilidades políticas á Xunta pola sentenza que anula a repotenciación do parque eólico de Corme
Cúmprese xusto un mes dende que o TSXG anulara a autorización da Xunta das obras de repotenciación do parque eólico de Corme, executadas durante o confinamento. Pero lonxe de recuar, a Xunta xa anunciou que vai recorrer.
Ante esta situación, o BNG esixiu no Parlamento galego, a través de Noa Presas, “responsabilidades políticas” ante esta “nova sentenza máis que sinala os problemas do seu modelo eólico e que só pode ter unha saída: a asunción de responsabilidades políticas pola gravidade dos feitos, asunción dos erros e corrección”.
Tamén reclamou que se fagan públicos todos os acordos tomados polo Consello da Xunta na tramitación de proxectos que se acollan ás figuras existentes para acurtar os seus prazos e aplicar a supramunicipalidade, así como a paralización cautelar daqueles outros que poidan estar nas mesmas condicións que o de Corme para blindar así os prazos de información pública e alegacións de mínimo un mes e o acceso a todos os informes prececptivos dentro deste prazo.
Deixou claro que o Bloque “non está en contra do sector eólico, senón en contra do seu modelo”, o que se basea na Lei de implantación empresarial de 2017 (“ou lei de depredación primeira”) e a Lei de simplificación administrativa de 2021 (“ou lei de depredación segunda”) que, xunto coas leis anuais de Orzamentos, “van xa 10 modificacións da lei do sector eólico camufladas noutras leis, pola porta de atrás, sen debate e sen planificación”, nunha “chapuza tan grande que o din ata os tribunais!”, para beneficiar ás grandes empresas do lobby eléctrico, “en contra dos intereses da sociedade, do medio ambiente e do desenvolvemento económico de Galiza”.
Novas relacionadas
- 10-02-22: A Xunta vai recorrer ante o Supremo a sentenza do TSXG que anulou a autorización da repotenciación do parque eólico de Corme.
- Xaneiro 22: BNG e ANOVA piden responsabilidades á Xunta ante a sentenza do TSXG que anula a autorización do P.E. do Roncudo.
- Xaneiro 21: O TSXG anula a autorización da Xunta das obras de repotenciación do parque eólico de Corme, executadas durante o confinamento.
- Decembro 2020: A desfeita das obras do parque eólico G3 de Corme, en imaxes.
- Decembro 2020: O BNG tamén leva ao Parlamento a polémico repotenciación do Parque Eólico de Corme.
- Setembro 2020: “Queren expropiar fincas que xa levan meses ocupadas polo novo parque eólico de Corme”.
- Abril 20: A veciñanza presenta alegacións ao Parque Eólico das Salgueiras.
- 31-03-2020: Desmontando o parque eólico de Corme en pleno estado de alarma.
- Novembro 19: "Levamos 19 anos sen saber que un viravento invadira as nosas fincas de Corme”.