O TSXG anula a autorización da Xunta das obras de repotenciación do parque eólico de Corme, executadas durante o confinamento
Arrincaba o confinamento aló por marzo de 2020 e a empresa EDP se puxo coas obras de repotenciación. As protestas veciñais provocaron que mesmo o BNG levase as polémicas obras ao Parlamento, que provocaron unha auténtica desfeita nunha zona de alto valor medioambiental.
A desfeita xa é irreparable, e os 3 xigantes que dan sombra a Corme pódense ver dende practicamente toda a comarca. Pero o caso pode servir para que non volva pasar, que a Xunta non poida aplicar a coñecida “Lei de Depravación de Galicia” (Lei 5/2017), porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular o proxecto de repotenciación do parque eólico do Roncudo.
Así o anunciaba hoxe o TSXG, que considera ilegal que a Xunta reduza á metade -de 30 a 15 días- o prazo para consultar o informe do impacto ambiental do proxecto e presentar alegacións. A Sala entende que non se pode aplicar a Lei 5/2017, esa ferramenta a travès da Xunta está declarando de “interese especial” ducias de proxectos eólicos do país, coa intención tramitalos de forma prioritaria” e, por tanto, reducir de 30 a 15 días hábiles os prazos do procedemento de autorización administrativa previa e de construción, así como os do procedemento de avaliación ambiental e do proxecto sectorial.
Ademais, o TSXG asegura que, segundo a directiva europea, antes de adoptar a decisión definitiva sobre o proxecto que se promovía, é dicir, antes de sometelo a información pública, a Xunta debeu presentar os informes sectoriais. Ao non facelo, segundo a Sala, as persoas interesadas “non puideron exercer de forma plena o seu dereito de participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban”.
A cousa é aínda máis grave nesta caso, porque, en contra da directiva europea, o expediente que se someteu a exposición pública carecía dos informes sectoriais.
O BNG pedirá responsabilidades
Trátase dunha resolución, como dicimos, “pioneira”, que vai implicar un regueiro de casos, por exemplo, a denuncia que presentaba esta semana Adega ou as ducias de denuncias presentadas por Petón do Lobo contra este tipo de tramitación.
A nivel político, o BNG exixirá responsabilidades á Xunta logo da sentenza. Noa Presas afirma que este novo pronunciamento xudicial certifica que “o boom eólico depredador do PP de Feixóo é insostible e antidemocrático”. Así, reclamará no Parlamento unha nova ordenación do sector que permita o seu desenvolvemento, pero de xeito sostible e con retorno para o País.
Para o BNG -que enmarca na lei de depredación de 2017 (denominada lei de fomento da implantación empresarial) unha situación que se agrava coa lei de 2021 (de reactivación e simplificación administrativa)-, esta nova sentenza vén “poñer negro sobre branco ao que “organizacións ecoloxistas, sociais e políticas levamos tempo denunciando e é que o boom eólico depredador do PP de Feixóo é insostible, é antidemocrático e está ocasionando unha auténtica desfeita en Galiza”.
Novas relacionadas
- Decembro 2020: A desfeita das obras do parque eólico G3 de Corme, en imaxes.
- Decembro 2020: O BNG tamén leva ao Parlamento a polémico repotenciación do Parque Eólico de Corme.
- Setembro 2020: “Queren expropiar fincas que xa levan meses ocupadas polo novo parque eólico de Corme”.
- Abril 20: A veciñanza presenta alegacións ao Parque Eólico das Salgueiras.
- 31-03-2020: Desmontando o parque eólico de Corme en pleno estado de alarma.
- Novembro 19: "Levamos 19 anos sen saber que un viravento invadira as nosas fincas de Corme”.