Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Eurocámara deixa aberta unha petición sobre o parque eólico das Salgueiras

Parque Eolico das Salgueiras Mapa
A Eurocámara deixa aberta unha petición sobre o parque eólico das Salgueiras

Chegaba ao Parlamento Europeo o Parque Eólico das Salgueiras (que afecta a Ponteceso, Cabana e Malpica) gracias a unha petición da Asociación Ambiental Petón do Lobo. E foi Roberto Vilela, representante da Plataforma en Defensa do Parque Eólico das Salgueiras, o que expuxo as demandas das veciñas e veciños de Ponteceso e outras localidades da contorna afectadas polo proxecto das Salgueiras, que invade unha área de gran riqueza patrimonial (as paisaxes pondalianas e un conxunto megalítico), paisaxística e natural (o esteiro do Anllóns, as Brañas de Gondomil, os Cantís do Canteiro...), zonas con protección LIC e ZEPA.

Ambas entidades pedían que o Parlamento se pronunciase en contra da tramitación do proxecto eólico, e a resposta da maioría da Cámara foi moi satisfactoria. Deste xeito, a petición queda aberta para que as entidades poidan ir engadindo documentación pero non só sobre Salgueiras, senón tamén sobre a instalación eólica en Galicia, e sobre a normativa eólica que rixe a día de hoxe en Galicia.

Ademais, o Parlamento tamén escoitou que está aberta unha denuncia sobre a irregular instalación da repontenciación do Parque Eólico de Corme realizada en pleno confinamento.

O BNG congratúlase

Dende o BNG valoran a decisión da Eurocámara e agardan que “esta decisión serva para alertar en Europa de que Galiza non é unha colonia para o espolio das eólicas”. Quixeron lembrar que as obras xa comezaron afectando á Rede Natura e os seus espazos adxacentes.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios