Venres. 29.03.2024
El tiempo

Festiletras 2017: O frasco pequeno onde caben todas as esencias da cultura galega

Festiletras 2017: O frasco pequeno onde caben todas as esencias da cultura galega
Festiletras 2017 Algúns dos nomes que estarán no Festiletras 2017 do Couto Vaise achegando o 17 de maio e xa imos vendo as primeiras citas para celebrar o Día das Letras Galegas. E coma sempre, o centro cultural de referencia, non só na Costa da Morte, senón en toda Galicia, será a pequena Aldea do Couto, en Ponteceso. Xa comezan a soar os primeiros nomes que estarán este mes de maio no #Festiletras2017. Un festival que cumpre 35 anos. Unha cifra tremendamente especial que repercutirá no completo menú cultural que prepara a organización. Unha organización formada por un grupo de xente nova, que ronda os 30 anos, que xa lle gustaría ter consigo ás mellores empresas do país. Un grupo de voluntarios ben formados que é froito do gran traballo de canteira que leva facendo a Asociación de Veciños Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal nas últimas décadas. Así, este ano o Festiletras quere vencellar a celebración co Centenario de Pondal, para completar así esa lista de 100 actos polos 100 anos do bardo bergantiñán. No Festiletras serán nada menos que 35 actos, percorrendo unha a unha as 35 edicións. Unha das citas máis emotivas será o Recital poético no que participarán 35 persoas (con varios membros do Batallón Literario da Costa da Morte e unha mención especial para Paco Souto) que recitarán un poema dos 35 autores “vivos” homenaxeados nestas 35 edicións da que antes chamaban a Festa das Letras. Pois se a Academia das Letras galegas homenaxea a autores "mortes", polo Couto sempre preferiron facelo cos "vivos". Manuel María foi un dos primeiros autores invitados en vida ao Couto e a festa foi un antes e un despois daquel 1993. Dende el pasaron xentes como Neira Vilas, Novo Neira, Xavier Docampo, Manuel Rivas, Fina Casalderrey… grandes autores dos poemas que se lerán neste especial recital.

”A milagre das Letras”

”Para min é moi importante o que estamos facendo aquí”, recoñece un dos grandes armadanzas, Xosé María Varela. “Hai xente con moitos máis recursos non consegue o que conseguimos no Couto, porque segue sendo un milagre que nunha aldea de 60 casas (xa non se pode falar como antes das 100 porque xa só quedan 60 habitadas) arme tanto lío”. Varela recoñece que este ano parece que vai haber maior apoio institucional (“esperamos que as administracións se decaten que tamén se pode facer cultura nos lugares pequenos”) e valora que haia empresas privadas que se animen a colaborar. Un Xosé María Varela que fai balance. “Cando nós empezamos practicamente non se celebraba o Día das Letras Galegas, porque non era festivo e como moito se facían cousas nos coles. Nós celebrábamos a Festa das Letras, como a chamábamos antes, o domingo seguinte ao 17 de maio, e agora facémolo durante unha semana”. Unha vez El País titulou “a Aldea que soñaba con facer país”, pero para Varela a mellor definición que recibíu o Festiletras chegaba da man de Fina Casalderrey. A Académica, que volverá ao Festiletras este ano, por certo, dixo: “O Couto, frasco pequeno que reúne todas as esencias”, facendo referencia a que o produto cultural que ofrece o festival é sempre en formato pequeno. Outra boa definición apórtaa a propia Varela. ”O Festiletras é o Universo Macondo de García Márquez, un espazo onde pode vir un de Cereixo, un de Corcubión, un de Muros, un de Ourense ou un da banda de Bergantiños, porque está a gusto”.

Aposta por xente consagrada e novas promesas

Este ano moitos dos nomes soan doutros anos, e que precisamente se trata diso, de apostar por, xentes que estiveron por aquí, xente consagrada, pero tamén por xente nova, como esas bravas de No Fío da Ferreña que baten marcas nas redes sociais. Ademais, o propio Varela recoñece que agora é máis sinxelo preparar un gran cartel: “agora a xente xa nos chama a nós, iso foi o que conseguimos nestes 35 anos, e nos poñen prezo Festiletras, se non sería imposible”. Haberá de todo, dende a presencia dos Bolechas para os máis cativos, como as citas culturais máis interesantes para o público máis esixente. Carlos Blanco coa súa fala, Luís Davila co seu lapis, Marcos Pereiro e Fran Rei en escea; a música de Uxía, de Sés, de Guadi Galego, de Joao Afonso, de De Vacas, de Mero, de Mini ou das veciñas bergantiñás de No filo da Ferreña… Este só é o primeiro prato do completo menú das letras que nos vai propoñer a xente do Couto e que iremos coñecendo estes días. Vaian reservando as datas, porque do 14 ao 21 de maio cómpre non andar moi lonxe do Couto. festiletras 2017 gráfica Deseño de Adrián Varela  

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios