Venres. 29.03.2024
El tiempo

“Levamos 19 anos sen cobrar cun muíño e unha pista atravesando a nosa finca"

Aereoxenerador do Parque Eolico de Corme G3
Aereoxenerador do Parque Eolico de Corme G3 que afecta a este veciño
“Levamos 19 anos sen cobrar cun muíño e unha pista atravesando a nosa finca"

Semana convulsa arredor da repotenciación do Parque Eólico de Corme G3. Comezaba coa acción protesta dun veciño, que pechaba un camiño con leña prantando cara á empresa que xestiona o parque, EDP, farto de esperar por todos os cartos que lle deben.

E pechámola con outro veciño afectado. E. (que tamén prefire non dar o seu nome por medo a represalias) quere contarnos en primeira persoa o seu caso. Leva nada menos que 19 anos sen cobrar, e iso que a finca da súa familia está afectada por un aereoxenerador e a pista que chega ata el.

A verdade é que si que leva cobrando algo estes anos, algo así como 17€ cada trimestre, unha cifra que dista moito dos 20.000€ que conta con cobrar, en función das cantidades que están recibindo outros veciños aos que tamén a empresa leva esquecendo todos estes anos.

Na súa situación, para ficar tan “esquecido” por parte da empresa, conflúen varios factores. O propietario, seu pai, é un home moi maior, e agora mesmo está ingresado no Hospital por problemas de saúde. El vive en Suiza, como outros afectados, ante os que a empresa aproveita para exercer sen preguntar.

De feito, uns veciños avisárono onte de que este mesmo venres 8 de setembro, a empresa vai proceder á retirada do vello aéreoxenerador do seu terreo. “Como van entrar na miña finca, e retirar un muíño sen o meu permiso?” pregúntanse atónito. “Xa teño enviado unha carta certificada, e teño chamado mil veces, pero me mandan de Santiago para Oviedo e de Oviedo a Santiago” (onde a empresa teñen as delegacións), “pero aproveitan que saben que eu estou fóra para entrar na miña finca”, di enfadado. 
Denuncia ademais que os planos que presenta a empresa son erróneos, e que ten confirmado co catastro que o viravento está no medio da súa finca.

O seu caso é, ademais, semellante a de outros moitos propietarios aos que a repontenciación vaille “quitar” esa “pensionciña” que aporta, se as cousas se fan ben, por “albergar” viraventos. Son 60 os viraventos que están retirando, e son 30, moito máis potentes, os que quedarán, polo que arredor da metade dos propietarios que estaban cobrando, quedarán agora, cunha mole de cemento nas súas fincas, pero 0€ nas súas contas.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios